Thursday 21 de November de 2024

O alcalde de Padrón e a Xunta de Galicia sentan as bases para desenvolver un proxecto relacionado co Camiño de Santiago


O vicepresidente do goberno galego visitou o Auditorio para coñecer o estado das actuacións de mellora financiadas polo executivo autonómico

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, a concelleira de Turismo, Lorena Couso, e o concelleiro de Obras, José Ramón Pardo, recibiron esta mañá ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. Os mandatarios mantiveron unha reunión na que o rexedor padronés expuxo unha proposta para adecuar a Casa dos Capeláns para desenvolver un proxecto relacionado co Camiño de Santiago. Nos vindeiros meses comezaran a perfilar este proxecto, no que xa hai puntos de encontro. O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que o Goberno galego traballará no acondicionamento das instalacións nos lugares polos que pasan as rutas xacobeas, como é o caso de Padrón, co obxectivo de “contar cun gran Xacobeo pese as circunstancias
actuais e que o Camiño poida recuperar o seu esplendor”.
O alcalde de Padrón agradeceu a visita do vicepresidente e destacou “a boa acollida da proposta realizada para o proxecto de turismo na Casa dos Capeláns”. Baixo a súa perspectiva, “a colaboración entre administracións é imprescindible para poder avanzar en propostas deseñadas para mellorar a vida da cidadanía e impulsar o turismo como eixo para dinamizar a economía local”. Pola súa banda, a concelleira de Turismo incidiu na “necesidade de impulsar a Pedronía, unha realidade en auxe cada vez máis recoñecida polo público” e, por tanto, salientou a relevancia para Padrón desta proposta vinculada ao Turismo e ao Camiño de Santiago.

A Xunta destinou 40.000 euros para reformar o Auditorio de Padrón O vicepresidente visitou o Auditorio de Padrón, para supervisar o estado das obras de acondicionamento executadas con fondos autonómicos de varios espazos deste edificio ao abeiro da Orde de Infraestructuras de uso público. O
organismo autonómico investiu preto de 40.000 euros para reformar as instalacións da planta baixa, que acollerá unha sala de usos múltiples destinada a accións formativas, así como a renovación do revestimento das paredes, luminarias, telóns e cortinas do auditorio situado na planta superior do inmoble. Este investimento súmase ademais a unha axuda anterior coa que o

Concello de Padrón remodelou o escenario deste Auditorio e cambiou as butacas. Pola súa banda o Concello de Padrón aportará fondos propios para mellorar as conexións deste centro, así como os medios técnicos e a iluminación do mesmo. Antonio Fernández Angueira explicou que as previsións apuntan a que as actuacións rematarán no mes de outubro, momento clave para potenciar a programación cultural na que traballa o executivo local, prestando especial atención a todas as medidas de seguridade relacionadas coa pandemia da Covid-19.
Neste contexto, Alfonso Rueda recalcou a necesidade de levar a cabo “pequenas actuacións” coma estas seleccionadas polos gobernos municipais que son os que “mellor coñecen as necesidades da cidadanía” e coas que moitos veciños saen beneficiados.