Saturday 16 de November de 2024

O volei volve este sábado ao municipal de San Sadurniño entre rigorosas medidas preventivas


O Aldebarán organiza desde pola mañá o trofeo municipal de voleibol, ao que asisten como convidados o Vigo Voleibol, o Dumbría e o Calasancias Coruña

 

Durante a xornada deste sábado 3 de outubro disputarase no pavillón municipal o XVIII Trofeo de Volei Concello de San Sadurniño, no que se enfrontarán o Calasancias, o Vigo Voleibol, o Dumbría e o equipo anfitrión, o Aldebarán Intasa. Será unha posta a punto tras meses de parón e de axustes dunha plantilla renovada para ser competitiva na SM2, pero tamén a primeira proba de todas as medidas preventivas que haberá que adoptar durante a liga, que arranca en pouco máis de dúas semanas e que terá o seu primeiro partido na casa o próximo 24 de outubro recibindo ao Extremadura CPV. Para a previa deste sábado a capacidade do pavillón estará limitada a 150 persoas. O público deberá levar máscara en todo momento e sentar deixando unha banqueta de separación. Ademais tamén haberá un rexistro de entrada que permita facer un seguimento posterior no caso de detectarse algún gromo.

O trofeo será un primeiro contacto entre os catro equipos galegos que forman parte do Grupo A da Superliga Masculina 2. Os partidos comezarán ás 10.30h. co enfrontamento entre o Aldebarán e o Calasancias Coruña. Sobre as 12.00h. xogarán o Vigo Voleibol e máilo Dumbría e, xa pola tarde, disputaranse o terceiro e cuarto posto -16.30h.- e, a partir das 18.30h.- a final entre os vencedores dos partidos da mañá.

As catro formacións chegan á convocatoria co obxectivo de poñer a funcionar as maquinarias tras meses de incertidume e de adestramentos a porta pechada que non deron case oportunidade de rodar os equipos como sería conveniente ás portas dunha liga tan esixente coma a SM2. No caso do Aldebarán houbo cambios, empezando polo do adestrador, coa chegada do arxentino Hernán Pesci en substitución de Charly Suárez.

No cadro de xogadores volven á casa Marcos Blanco e Andrés Portero; incorpórase Arnau Caparrós e renovan Taibo, Pakito, Marlon Mendoza, Santi Díaz, Jorge Lendoiro, Boris, Parga, Tacón e Wünschmann. O equipo aspira a manterse na táboa superior da SM2 e continuar buscando un cadro ideal que lles permita dar o salto no futuro á Superliga con garantías de permanencia.

O trofeo municipal será, polo tanto, unha boa oportunidade de ver o estado xeral do proxecto medíndose coas outras tres escuadras galegas da categoría, inmersas ao igual que o Aldebarán nun momento de incertidume por mor da pandemia.

As medidas preventivas que se deberán adoptar por mor da situación sanitaria serán outras das protagonistas do día. O protocolo adoptado polo Aldebarán Intasa como organizador do evento recolle a obriga de que todo o público asistente deberá levar máscara e manter o distanciamento interpersoal nas bancadas, onde só se poderán usar asentos alternos. Por mor desta esixencia, a capacidade do pavillón verase reducida a algo menos da metade, dándolle a oportunidade de presenciar cada partido a unhas 150 persoas. Para ter controlado este aspecto e para o caso de que sexa necesario facer seguimentos de gromos recolleranse á entrada os datos de todas as persoas asistentes.

Por outra banda tamén se colocarán en distintos puntos dispensadores automáticos de xel hidroalcólico e prégaselle ao público que cumpra con outras recomendacións, como o a de non tocar os ollos, o nariz ou a boca e non manipular a máscara sen ter as mans previamente desinfectadas.

Estas medidas manteranse durante o desenvolvemento da liga, que depara o primeiro enfrontamento na casa para o sábado 24 de outubro. Como principal acción preventiva só se lle dará acceso ao público con abono e a aquel que veña acompañando aos equipos visitantes, que deberán remitir previamente un listado cos nomes das súas seareiras e seareiros.