Friday 22 de November de 2024

O polideportivo de Lousame acolle este domingo o Festival de Novo Circo, que inclúe as actuacións de Peter Punk e Cirkompacto


Asistencia gratuíta e aforo limitado, polo que é preciso reservar entrada no 981 825 780

O Concello de Lousame organiza este domingo 4 de outubro o “Festival de novo circo”, unha iniciativa que reúne dous espectáculos de clown: “Peter Punk e o neno imperdible” e “Hell Brothers”, da man dos grupos Peter Punk e Cirkompacto, respectivamente. Ambas actuacións terán lugar no polideportivo municipal de Lousame, ás 18:30 e 19:30 horas.
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, explica que “se trata dunha oportunidade para desfrutar toda a familia de dous importantes grupos do novo circo, xa non baseado en animais pero que mantén o seu humor e as actuacións de clown, acrobacias e malabares”. A entrada é totalmente de balde, se ben o aforo é limitado, debido á aplicación dos protocolos contra a Covid-19, polo que é preciso reservar entrada chamando ao 981 825 780.
Actuacións
As actuacións darán comezo ás 18:30 horas con “Peter Punk e o neno imperdible”, un espectáculo no que Isaac Rodríguez Miranda interpretará a Peter Punk, un paiaso pillo e irreverente que nesta ocasión compartirá escenario co músico Brais das Hortas. Durante unha hora, ambos actores combinarán humor, equilibrios e música de ata seis instrumentos diferentes: guitarra eléctrica, guitarra portuguesa, acordeón, harmónica…
Ás 19:30 horas, Iván Casanova e Malala Ricoy converteranse nos “Hell Brothers”, un espectáculo de clown, humor e acrobacias excéntricas. Un espectáculo de 50 minutos no que Iván e Malala representarán a Rejhuz e Glakghs Setén, os fillos do Demo que son expulsados do inferno para que aprendan a facer o mal por eles mesmos. Un divertido espectáculo a cargo de Cirkompacto, compañía de recente creación.
“Festival de novo circo” é un espectáculo organizado polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Gadis e o Xacobeo 2021.