Thursday 21 de November de 2024

A Deputación activa a construción dunha senda peonil de 305 metros que afianzará a seguridade viaria entre Vixán e A Graña


Publícase hoxe a licitación da actuación, de case cen mil euros

A Deputación da Coruña anuncia no Boletín Provincial de hoxe a contratación mediante procedemento aberto e cun único criterio de valoración das obras para construír unha senda peonil entre os lugares de Vixán e A Graña, na estrada D.P. 7306, o que servirá para afianzar a seguridade viaria na zona afectada.

Esta actuación, que está incluída no Plan de Sendas Peonís da entidade que preside Diego Calvo, comporta un investimento de 97.926,35 euros e conta cun prazo de execución de 3 meses.

O período de presentación de ofertas é de 26 días naturais contados a partir de mañá. As propostas deberán ser achegadas ao Servizo de Contratación da Deputación, situado na rúa Alférez Provisional, s/n, 5º andar, na cidade da Coruña.

O proxecto foi redactado polos servizos técnicos do Concello de Riveira.

Actualmente, a área de actuación ten unha calzada de pavimento asfáltico e dispón de dous carrís, un en cada sentido da circulación. Aínda que está ben sinalizada, en ocasións os vehículos que transitan pola mesma alcanzan velocidades non permitidas, pondo en perigo a seguridade dos peóns. Ademais, a zona de paso para viandantes ten un pavimento de terra compactada e existe unha rede para augas pluviais bastante deteriorada.

Ancho mínino de 1,50 metros
De acordo co proxecto que se vai executar, para o paso de peóns dotarase á zona dunha senda peonil por unha das marxes feita en aglomerado asfáltico en cor vermella. Ampliarase a zona de paso alí onde sexa posible, acadando en todo caso un ancho mínimo de 1,50 metros. A lonxitude do tramo é de 305 metros. Tamén se creará un arcén dun ancho variable que pode chegar ata os 50 centímetros.

Previa á construcción desta senda peonil, realizaranse obras de limpeza e demolición das soleiras existentes, ademais de traballos de desmonte e terraplenado para alcanzar as rasantes axeitadas.

Nova rede de pluviais
Así mesmo, prevese a construción dunha rede para drenaxe de pluviais, consistente na instalación dunha tubaxe de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, ao longo da senda peonil e paralelo á mesma. Tamén se construirá unha cuneta revestida de formigón e colocaranse arquetas sumidoiro.

Unha vez concluídas as obras de construción da senda peonil, procederase á pavimentación do arcén con aglomerado asfáltico.