Thursday 21 de November de 2024

O concello de Riveira saca a licitación o acondicionamento do antigo matadoiro para albergar o Viveiro de Empresas


O investimento previsto ascende aos 385.000 euros

O Boletín Oficial da Provincia con data de hoxe publica un anuncio para a contratación das obras necesaria para o acondicionamento das instalacións do antigo matadoiro municipal co obxecto de albergar o Viveiro de Empresas de Riveira.

O custe estimado para esta actuación é de 385.000 euros, dos cales un 80% (308.000 euros) está financiado pola Fundación Incyde e o 20% restante (72.000 euros) pola Deputación, tras o acordo alcanzada entre o Concello e a institución provincial.

26 días hábiles
O procedemento de tramitación é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación e o prazo de presentación de propostas, de 26 días naturais contados a partir de mañá. O prazo de execución do proxecto ten un máximo de 8 meses, rebaixable en función das ofertas.

O proxecto técnico inclúe a demolición dunha serie de naves anexas que no seu día foron empregadas como garaxe e zona de espera do gando e que ocupan unha extensión duns 310 metros cadrados (o 40% do total). Tamén se efectuará o derrubo dunha parte que sobresae da fachada do edificio. En troques, crearase unha área de aparcamento e o entorno será urbanizado.

En canto á parte central do inmoble (que se corresponde coa antiga zona de despece) será convenientemente acondicionado e equipado cuha sala de reunións, 10 despachos de entre 10 e 15 metros cadrados, un vestíbulo/recepción/control e aseos, ademais de haber unha sala de reunións e outra de usos múltiples. Entre os materiais a utilizar figuran pavimento de linóleo e lamas de aluminio.

A superficie total construída será de 421 metros cadrados, dos cales 362 serán superficie útil.