Saturday 23 de November de 2024

O festival “Falando a Boca Chea” reúne no Fórum a grandes artistas do mundo da narración oral


O evento terá lugar do 29 de setembro ao 3 de outubro

Durante os días do 29 de setembro ao 3 de outubro volve a Coruña da man de Artestudio Xestión Cultural ” Falando a Boca Chea” un festival de narración oral que conta co apoio do Concello da Coruña e do Fórum Metropolitano, con diversos espectáculos protagonizados por colectivos de teatro afeccionado, famosas/os narradoras/es galegas/es e novas voces da narración oral en Galicia.
O Festival “Falando a Boca Chea” pretende achegar á xente de todas as idades a narración oral e, a través dela, abordar todas as cuestións que teñen que ver coa persoa como parte da sociedade. Pero tamén se ocupa dos grandes interrogantes da existencia naquilo que se relaciona coa clave do misterio da vida, sen explicacións realistas e pesadas. Conecta, a través do simbólico, os soños, a poesía, cunha conexión realmente emancipadora, tanto desde o punto de vista da liberdade da imaxinación como na comprensión dos mecanismos do desenvolvemento psicolóxico da persoa. O optimismo é obrigatorio. As nenas e os nenos poden cambiar o seu destino aprendendo o que é bo para elas e eles e o que debe evitarse.
Será obrigatorio usar máscara en todos os espectáculos. Ademais, daráselle prioridade a venta anticipada de entradas e de convites en liña.
Este festival desenvolverase principalmente en distintos espazos do Fórum Metropolitano, como en pasadas edicións:

-O vestíbulo do Fórum: neste espazo, atoparemos espectáculos dirixidos a todo público, en que a entrada será gratuíta, até completar capacidade. Contarán con Vera Rilo, Caxoto, Soledad Felloza e o colectivo efeccionado de narración oral “Cédoche a palabra” no que os contos na lareira e da vida cotián serán os protagonistas.
Neste espazo, adaptado para o público familiar, tamén estarán as sesións para nenos e nenas de 2 a 4 anos, con contos e arrolos para os máis cativos, da man de Bea Campos e Soledad Felloza, tamén con convite.
-O auditorio: con espectáculos destinados ao público adulto. Contarán con nomeados narradores, con recursos e estilos moi diversos, como Celso Sanmartín, Gari, Carmen Conde e Quico Cadaval e coa presenza do colectivo amador “Cédoche a palabra”
O festival tamén estará presente no ámbito escolar, xa que os días 19 e 20 de outubro haberá dúas sesións de narración exclusivas para o alumnado de ESO, bacharelato e FP: “Os contos da fantástica tía Pilar”, por Bea Campos e “Feirantes” por Ramiro Neira.
Prezo das entradas: 7 euros; 6 euros con carne xove, maiores de 65 anos e persoas desempregadas, e 5 euros na venta anticipada e convites en www.corunacultura.sacatuentrada.es