Así se acordou esta tarde na sesión ordinaria do Pleno da corporación, cos votos favorables do grupo de goberno, o Bloque Nacionalista Galego e un do Partido Popular, así como as abstencións de tres edís do grupo municipal popular.
O Concello de Camariñas aproba inicialmente a Ordenanza municipal para a defensa, protección, benestar e tenencia responsable de animais de compañía, cos votos a favor do grupo socialista, o Bloque Nacionalista Galego abstívose e un do grupo popular, e 3 abstencións do PP.
Así, a persoa propietaria dun animal é responsable da súa protección e benestar, tendo a obriga de facilitarlles alimentos e auga, proporcionarlles aloxamento suficiente, cómodo e seguro; sometelos a revisións veterinarias precisas e prestarlles todos aqueles tratamentos veterinarios preventivos, paliativos ou de curación que sexan precisos; proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso, así como unha contorna libre de tensión, medo e sufrimento.
Queda, polo tanto, con esta Ordenanza, terminantemente prohibido maltratar aos animais, abandonalos e utilizar calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou impedir a mobilidade do animal, lles produzan dor, sufrimento ou tensións innecesarias. Tamén a negación a proporcionarlles auga ou alimento suficiente, o non mantemento das súas condicións hixiénico-sanitarias pertinentes, alimentar aos animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, ou o emprego de calquera tipo de produtos ou substancias farmacolóxicas para modificar o seu comportamento natural.
Prohíbese levar soltos nas vías públicas aos cans e demais animais domésticos os cales deben ir provistos de correa e colar, ou outro elemento de retención, excepto naqueles lugares nos que se permita quetransiten en liberdade e, en todo caso, baixo o control e responsabilidade dos posuidores ou posuidoras daqueles, tal e como se establece na Ordenanza.
Duras sancións
Este texto recolle as sancións administrativas tipificadas como leves, graves e moi graves, que van desde a sanción económica de 100 ata os 30.000 euros. Así, e sobre todo en materia de recollida das deposicións dos animais, desde o goberno local incídese na creación da concellaría de Limpeza e Ornato como ‘acción fundamental para a preservación e conservación dos espazos públicos, de cara tanto á veciñanza como aos potenciais turistas que visitan o noso pobo. Non imos permitir que o
comportamento incívico duns poucos non nos permita gozar do Camariñas limpo que a maioría queremos’, sinalan.
Presenza nas praias
Con carácter xeral, permítese a presenza de cans nas praias do termo municipal. Non obstante, no período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, queda expresamente prohibido o acceso ás praias de Camelle, Arou, Lingunde, Area da Vila, Lago, Ariño, Pedrosa e Area Grande.
En todo momento, deberase ter controlado o can, xa que as persoas propietarias ou posuidoras dos animais serán responsables de calquera dano que poidan ocasionar.
Outros asuntos
Nesta sesión, aprobouse provisionalmente a modificación da base 52 do Orzamento 2019, prorrogado para o ano 2020 para a creación de subvencións nominativas, cos votos a favor do grupo municipal socialista, votando en contra o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego.
Por outra banda, o grupo municipal socialista presentou varias mocións, no relativo ao desdobre de aulas no CEIP Areal, e ao sobre custe da limpeza e desinfección dos centros educativos de titularidade autonómica. A primeira aprobouse por unanimidade, e a segunda cos votos a favor do grupo municipal socialista e do BNG, dous en contra do grupo municipal popular e dúas abstencións do propio Partido Popular.
Na liña desta última, tamén presentou unha moción o Bloque Nacionalista Galego. Votouse favorablemente, cos votos positivos do grupo municipal socialista e do Bloque Nacionalista Galego, dous en contra do Partido Popular e dúas abstencións do grupo municipal popular. Tamén foi presentada unha moción relativa á problemática do ISM de Corcubión, aprobada por unanimidade.
Deuse conta do informe de Intervención emitido en cumprimento do previsto na Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, 2º trimestre de 2020. Deuse conta, á súa vez, estado de execución do orzamento, 2º trimestre de 2020.