As axudas de máis de 4,5 millóns de euros permitirán dotar ás Agrupacións dos medios materiais necesarios para ofrecer un mellor servizo
O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe o anuncio de licitación do equipamento para as Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, cun importe de máis de 4,5 millóns de euros, que permitirá dotar ás Agrupacións dos medios materiais necesarios para ofrecer un mellor servizo
A licitación comprende a subministración de equipamento diverso para emerxencias, destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes, que dispoñan de agrupacións de voluntarios de protección civil, cun importe de 4.508.944 euros, cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder.
O equipamento comprende 6 lotes, entre os que están 40 vehículos todoterreo pick-up, 40 vehículos furgóns para transporte e loxística, 40 remolques para atención ás emerxencias, 16 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate, 30 esparexadores de sal adaptados a remolques ou vehículos todoterreo e 20 remolques con carpas presurizadas para Postos de Mando Avanzados.
A data limite de presentación das ofertas é o vindeiro 9 de febreiro, nas oficinas do Rexistro Xeral de Información á Cidadanía do Complexo Administrativo de San Caetano.
Vehículos e motocicletas para a Policia Local
O DOG tamén publica hoxe o anuncio de licitación de vehículos e motocicletas para os concellos que conten con corpo da Policia Local cun importe de 1.070.000 euros para a adquisición de 50 vehículos tipo turismo e 26 motocicletas tipo trail.
A data limite de presentación das ofertas é o vindeiro 9 de febreiro, nas oficinas do Rexistro Xeral de Información á Cidadanía do Complexo Administrativo de San Caetano.