Friday 22 de November de 2024

O Concello de Padrón impulsa a economía local a través dunha liña de axudas para microempresas


O equipo de goberno leva meses traballando para dinamizar o comercio na vila e para axudar aos empresarios para paliar os efectos da pandemia da Covid-19

O Goberno municipal de Padrón leva meses traballando de forma intensa para axudar e acompañar aos diferentes axentes sociais e económicos da vila na complicada situación derivada da pandemia da Covid-19. Por iso, dende os diferentes departamentos do Concello puxéronse en marcha programas como o Plan de Reactivación do Turismo e do Comercio para dinamizar a economía local, elaborado pola Concellería de Turismo de Padrón para os anos 2020 e 2021, tendo en conta o Plan de Acción Padrón 2017-2022. Neste contexto estase desenvolvendo un programa de acompañamento no que se inclúe a creación dun marketplace para dar visibilidade aos negocios de Padrón e a creación dunha marca local reforzada para promocionar na comarca e na comunidade. Agora, o equipo de Goberno traballa para adherirse a unha subvención da Deputación da Coruña que presenta liñas de axudas para as microempresas. Os Concellos que participen nestas subvencións precisan facer unha inversión inicial para ter acceso a este proxecto, e por iso no pleno ordinario celebrado na tarde do 24 de setembro o Executivo popular solicitou unha modificación de crédito para axilizar os trámites e poder dispor deste orzamento a maior brevidade.
Lorena Couso, concelleira de Turismo, explica que dende o Executivo “somos conscientes das dificultades que están atravesando os nosos comerciantes e empresarios porque mantemos un contacto constante con eles, e traballamos de xeito incansable para que poidan paliar os efectos da pandemia da Covid-19 e, incluso, poidamos adiantarnos a unha posible crise económica”. Dende o departamento de Turismo mantiveron reunións dende o primeiro momento cos distintos sectores económicos da vila, e lanzaron unha enquisa cidadá para coñecer de primeira man as necesidades da cidadanía. Dende o equipo de goberno non só se impulsan programas de dinamización económica de xeito constante, senon que tamén se procuran todas as axudas e subvencións posibles para incrementar os fondos para mellorar a situación dos empresarios e fomentar o emprego.

O Concello de Padrón aportará case 46.000 euros para poñer en marcha esta liña de axudas da que se beneficiarán os empresarios padroneses, a aportación da Deputación cifrase en 183.000 euros para estas subvencións. Esta é unha liña de axudas que se suma a todos os programas postos en marcha dende o mes de marzo, no que se inclúen programas de promoción, axudas directas ao comercio, á hostalaría e á restauración.
O Concello de Padrón lidera un programa de atención temperá na comarca

O Concello de Padrón será o encargado de xestionar e coordinar o servizo de atención temperá no marco da rede galega na comarca, unha iniciativa pioneira nesta área coa que se busca prestar apoio a todas aquelas familias con nenos de 0 a 6 anos que poidan ter problemas de desenvolvemento. Na sesión plenaria celebrada o 24 de setembro a corporación deu luz verde ao convenio de colaboración cos Concellos de Dodro e Rois para a xestión compartida deste programa.
Co obxectivo de minimizar custos e xestionar de forma compartida para achegar un servizo eficiente propúxose a creación de este grupo de colaboración entre distintas administracións locais. “Este servizo supón un antes e un despois para os nenos e nenas que precisan este servizo, ao igual que para as súas familias que en moitos casos teñen grandes dificultades para dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes desta crianza con trastornos de desenvolvemento ou con risco de padecelos”, explica Ana Luezas, concelleira de Servizos Sociais. A través deste programa facilitarase o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social destes nenos e nenas, e como explica a concelleira “é para este equipo de goberno un orgullo poder presentar este proxecto no que levamos meses traballando para prestar un servizo que consideramos importante na nosa vocación de axudar a nosa veciñanza”.
O servizo porase en marcha ao longo deste curso, e nun primeiro momento focalizarase en diagnosticar os posibles casos de nenos e nenas . O horario de atención previsto para a prestación do servizo e de tres días á semana con horario de mañá e cun mínimo de dúas horas pola tarde. Haberá tres profesionais especializados responsables deste servizo e que traballarán en colaboración cos profesionais do
servizo de pediatría e das distintas escolas infantís.