Friday 22 de November de 2024

Aprobados definitivamente os orzamentos do Concello de Lousame para 2015, que ascenden a 2,9 millóns de euros, incrementan nun 11% os investimentos e reducen a débeda ata o 8,62%


O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a aprobación definitiva dos orzamentos do Concello de Lousame para 2015, xa que non se presentou alegación algunha durante o período de exposición pública. Deste xeito, os orzamentos de Lousame para 2015 ascenderán a 2.949.659 euros, incrementarán nun 11,15% a partida de investimentos reais e permitirán reducir a débeda ata o 8,62%.

Os orzamentos de Lousame para 2015 medran un 5,61% con respecto ao do exercicio 2014 e ten equilibrados os estados de ingresos e gastos, cumprindo estas contas co obxectivo de estabilidade, a regra de gasto e o límite de débeda establecidos para as Corporacións Locais (1.536.916,27 euros, no caso de Lousame).

Estado de gastos

O capítulo de persoal ascende a 906.945 euros, un 2,49% máis ca o exercicio de 2014 debido ao abono de parte da paga extra de 2012 e á inclusión de dúas mensualidades de salarios e seguridade social dos alumnos e profesores do Obradoiro de Emprego Iroite, que se recuperarán posteriormente xa que están financiados pola Xunta. O capítulo de gastos correntes medra un 30,74% ata os 822.235 euros, debido aos gastos de financiamento de servizos como o centro de día ou a escola de música que, á súa vez, suporán máis ingresos logo da recente aprobación dos seus respectivos regulamentos e prezos públicos.

As transferencias correntes medran un 11,15% (ata os 197.853 euros) como consecuencia da variación das cotas da Mancomunidade Serra do Barbanza e da necesidade de facer fronte ao pago de parte do prorrateo de xuros debidos á concesionaria do servizo de recollida e tratamento de residuos. O capítulo de investimentos reais ascende a 971.433 euros e representa o 32,92% dos orzamentos de Lousame para 2015, o que supón un incremento do 11,15% con respecto ao exercicio de 2014. Finalmente, no capítulo de transferencias de capital consígnase unha cantidade simbólica (10 euros) a fin de poder transferir crédito no caso de que se aceptase un investimento conxunto con outro municipio, como sucedeu en 2013 co proxecto de aforro enerxético solicitado por Lousame, Ames e Brión.

Ingresos

No apartado de ingresos, e a pesar de que non se contempla ningún incremento de impostos nin de taxas municipais, rexístrase uns ingresos de 473.890 euros de impostos directos (un 3,92% máis) debido ao incremento do importe das liquidacións resultantes dos padróns correspondentes a 2014 respecto aos de 2013. Sen embargo, o capítulo de impostos indirectos medra ata os 353.040 euros debido aos novos prezos públicos da escola de música e do centro de día. Finalmente, as transferencias correntes medran un 2,5%, ata os 1.252.318 euros, e non está prevista a concertación de ningunha operación de crédito con entidades financeiras para o exercicio 2015.