A declaración do Estado de Alarma a mediados de marzo interrompeu o desenvolvemento do programa anual de envellecemento activo, que se reinventou nun formato en liña e a través de Radio Fene para poder seguir coas actividades. Pasado o verán, e tendo ben claras as medidas preventivas que se deben adoptar, a área de Igualdade e Benestar volve poñer en marcha as “Tardes activas” dirixidas a maiores de 55 anos, nas que se combinan o lecer e o exercicio cognitivo para manter a mente en forma. As sesións, que terán lugar en locais de distintas entidades do concello, botarán a andar na semana do 1 de outubro. As inscricións poden facerse chamando ao Centro Municipal de Servizos Sociais -981 342 607 e 981 492 706- ou no correo servizos.sociais@fene.gal.
Alén do uso obrigatorio de máscara e das medidas hixiénicas, o departamento de Servizos Sociais marcou un límite de entre 8 e 10 prazas para adaptar cada sesión dos obradoiros á nova realidade. Ademais tamén reducirán a súa duración a 45 minutos co obxectivo de poder facer dous grupos e garantir que ninguén quede fóra das actividades por causa dos aforos preventivos. A idea é traballar os contidos de maneira presencial e complementalos con exercicios e “deberes” que as participantes poidan facer na casa se desexan reforzar o aprendido.
Os horarios e as localizacións das distintas propostas das “Tardes activas” definíronse en coordinación coas entidades veciñais do municipio, xa que son elas quen ceden os espazos para que os obradoiros cheguen a todas as parroquias e non só ás da zona urbana.
Dentro do programa hai tres tipos de sesións:
“+Memoria”, coa finalidade de mellorar a memoria, a atención, a coordinación, o cálculo ou a linguaxe. Terá lugar os luns de 17.30 a 19.00h. en Limodre, os martes de 16.45 a 18.15h. no CPS de San Valentín, os mércores de 17.30 a 19.00h. no local da ACDR O Pote de Maniños e, como novidade, tamén haberá un encontro matinal os martes de 12.00 a 13.30h. no CMI Unidade de Fene.
“Recordando o noso”, que usará a recuperación da memoria histórica do concello e da parroquia como maneira de facer traballar a cabeza, desenvolverase os xoves de 18.15 a 19.45h. no local da ACDR Liga de Amigos de Barallobre e os venres de 16.30 a 18.00h. no CCRD de Perlío, de 18.30 a 20.00h. na ACDR Agarimo de Sillobre e de 19.00h. a 20.30h. na AVV San Xurxo de Magalofes.
“Recuperación da memoria”, onde se fan actividades encamiñadas a mellorar a memoria, a linguaxe, a orientación e a atención coa finalidade de retrasar o inicio de demencias ou mantelas estables. Neste caso o obradoiro ofrecerase no Centro Municipal de Servizos Sociais de San Valentín os xoves entre as 16.30 e as 18.00h.
En relación con estas accións descentralizadas -que comezarán todas na semana do 1 de outubro e continuarán ata finais de xuño-, Servizos Sociais tamén repetirá a “Escola de avós e avoas” para que as persoas participantes nos obradoiros poidan compartir nos centros de ensino ou a través das ondas de Radio Fene recordos e materiais -fotografías, documentos, etc.- que contribúan a un mellor coñecemento por parte das xeracións máis novas da etnografía e da historia recente do municipio.
Ademais, o Concello de Fene tamén ten subscrito un convenio coa entidade AFAL-Ferrolterra para levar adiante accións terapéuticas con persoas diagnosticadas de alzhéimer ou con outros tipos de demencias. Neste caso as sesións -entre 6 e 10 persoas- teñen lugar os martes e xoves no Centro de Servizos Sociais de San Valentín atendendo casos derivados polo propio departamento ou pola entidade colaboradora.