Friday 22 de November de 2024

A Biblioteca de Fene presenta o ciclo “Ler conta moito” que se desenvolverá no mes de outubro


Xa está aberto o prazo de reserva de entradas para a primeira sesión de contacontos que correrá a cargo do grupo Tarabelos

 

“O Traxe novo do Rei” da compañía Tarabelos abrirá o vindeiro xoves, 1 de outubro, ás 18 horas, o ciclo Ler Conta Moito que organiza a biblioteca municipal de Fene no marco do programa para a dinamización da lectura que promove a Xunta de Galicia entre as bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. O ciclo incluirá, ademais desta primeira sesión, as actuacións de Elefante Elegante (“O lobo bobo”) o xoves 8 de outubro e de Ghazafellos (“A máquina do tempo”) o 15 de outubro.
Todas as actuacións desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura de Fene con aforo reducido a 20 persoas, 10 nenos e 10 adultos (1 adulto por neno), e para asistir será preciso reservar entrada chamando por teléfono á biblioteca de luns a venres, de 16 a 21 horas, ou os sábados, de 10 a 13 horas (teléfonos de contacto: 981342302 / 607625346). Segundo informan dende a biblioteca municipal de Fene, xa se poden reservar entradas para o primeiro espectáculo que correrá a cargo do grupo
Tarabelos e que vai dirixido a nenos/as a partir de 3 anos.

Tarabelos é un proxecto de Esteban Acuña que xorde en 2003 coa idea de transmitir “diversión, alegría, contos e historias, dar a coñecer personaxes fantásticos, peculiares e revivir aqueles contos de antes sen esquecer os novos…” Para iso, a compañía experimenta con diferentes técnicas escénicas e de animación (mimo, teatro, teatro de títeres, malabares, animación, pallaso, guións, escenografía…) participando e dirixindo espectáculos na súa maior parte adicados ó público infantil.
En O traxe novo do rei “un traxe novo e máxico prometía ser un capricho inigualable e unha ferramenta perfecta para saber o nivel de intelixencia de calquera habitante da corte. ¿Podería ser certo?¿Funcionaría?. Dalgún xeito sí, pero non como él esperaba”.

Tanto este primeiro espectáculo coma os restantes que forman o ciclo “Ler conta moito” de Fene desenvolveranse baixo a premisa da #culturasegura, con reserva de entradas, aforos limitados e estrito cumprimento das medidas de seguridade. Neste senso, dende a organización recoméndan aos/ás asistentes acceder aos espectáculos con media hora de antelación á hora fixada para o seu comezo xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos mesmos. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Ademais, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso ao recinto.
En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans e que o uso da máscara será obrigatorio en todos os espectáculos. Ademais, non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais (non haberá para grupos de convivintes) durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.