A alcaldesa presentou o programa municipal Respira Cultura, cun investimento superior aos 100.000 euros, que se poderá desfrutar ata o vindeiro 12 de outubro a través da web http://respiracultura.gal/ e que contará con actuacións en directo de música, teatro, danza, circo, bailes tradicionais…
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto co director do Coliséum, Javier Rodríguez, o artista César de Centi e representantes da coral polifónica Follas Novas, da agrupación cultural Son D’Aquí, de Artestudio e de Katarsis Teatro, presentaron esta mañá no pazo municipal o proxecto Respira Cultura. Unha iniciativa que, cun investimento municipal superior aos 100.000 euros, pretende dar “aire e vida” para “manter esperto” o tecido cultural, sobre todo o de creación local.
O Goberno de Inés Rey investiu máis dun millón de euros no sector cultural en tres meses. A alcaldesa sinalou que “unha das máximas preocupacións e prioridades deste Goberno é a recuperación do sector cultural, un dos máis prexudicados polos efectos da pandemia” e, asegurou, que “as axudas deste concello tradúcense en feitos e investimentos” como o PRESCO dedicado á cultura, cun orzamento de máis de 900.000 euros, que engloba as actividades culturais nas rúas da cidade, as bolsas de creación artística ou o bono de cultura.
A Concellería de Cultura, a través do IMCE, abre unha nova ventá á emoción, á ilusión, ás artes vivas e á música ao vivo, cunha programación dixital de actividades culturais aberta, accesible, apta para todos os públicos e que nos quere convidar, de novo, a sentir e respirar a cultura ao vivo. Un escenario que deslocaliza, globaliza e pon en valor a creatividade e o talento local. Durante algo máis de dúas semanas, o Fórum Metropolitano, o Centro Ágora e o Pazo da Ópera convertéronse en estudos de televisión onde se gravaron un total de 47 proxectos (20 de entidades de arraigo e 27 da convocatoria de dinamización cultural) e 54 actuacións. Todas elas poderanse desfrutar en directo desde hoxe e até o 4 de outubro, con 4 ou 5 estreas diarias e 27 espectáculos semanais, que terán vixencia nesta plataforma dixital até o 12 de outubro.
Rey explicou que apostan “por novas vías de difusión, novos espazos de encontro cultural” xa que “son máis de 75 as entidades no tecido cultural da cidade” e “chegou o momento de respirar cultura na Coruña”. Pola súa banda, Javier Rodríguez, fíxolles unha demostración aos medios do funcionamento da páxina web deste proxecto, http://respiracultura.gal/, e a través da que se poderán visualizar as actuacións, e convidou a toda a veciñanza a desfrutar da cultura a través da canle dixital para amosar “o compromiso cidadán co sector cultural”.