Organizada por ‘Mundos Digitales’, desenvolverase mañá xoves na sede de Afundación, na Coruña, a partir das 19.00 h.
A Xunta de Galicia apoia a xornada Coruña Dixital LAB, na que compañías e axentes galegos do ámbito da creación dixital reflexionarán sobre os novos modelos de negocio que están xurdindo nesta etapa da “nova normalidade”. A proposta, que se desenvolverá mañá na sede de Afundación da Coruña a partir das 19.00 h., é unha iniciativa do encontro Mundos Digitales, que ten como obxectivo potenciar o sector dos contidos dixitais interactivos locais.
Na xornada, na que se porá en valor o traballo das compañías galegas e a súa importancia no ámbito nacional, servirá tamén para analizar a forma na que o distanciamento social modifica os procesos de produción e a interconexión entre equipos multidisciplinares; así como as novas oportunidades que se derivan da actual situación sociosanitaria. Nese sentido, para darlles cabida aos diversos ámbitos da creación dixital, a xornada Coruña Dixital LAB contará con tres bloques temáticos diferenciados, pero vinculados entre eles, para abarcar o cinema, os videoxogos e os novos media.
Recoñecidos relatores do ámbito da creación dixital galega
O primeiro bloque, sobre cinema e efectos visuais, contará con representantes de dúas produtoras galegas: Borja Pena, de Vaca Films, e Alfonso López, de Portocabo. No primeiro caso, Borja Pena explicará a forma na que afectou o confinamento ao proceso de posprodución do filme Hasta el cielo. Alfonso López, pola súa banda, repasará o uso dos efectos visuais na primeira temporada da serie Hierro, analizará as formas nas que o seu uso axuda a adaptar a produción aos novos retos da era poscovid e explicará como se resolveron os desafíos de ser a primeira rodaxe en volver ás Illas Canarias. Ambos participarán tamén no panel Luces, cámara… e efectos visuais, moderado por Luis Rivero, de Urbansimulations, no que reflexionarán sobre os retos das producións cara aos vindeiros meses.
O fundador de Avestudio, Diego Avendaño, e o director de Ilux Visual Technologies, Manuel Meijide, exporán os seus proxectos de innovación a través da experimentación e contidos dixitais interactivos, respectivamente, durante o segundo bloque sobre contidos dixitais e novos media.
O terceiro apartado, dedicado a videoxogos, contará cos relatorios de Pablo Grandío, fundador de Vandal, o principal portal en español de información especializada, e Luz Castro, cofundadora de Videoxogo.gal, a Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos. Pablo Grandío analizará os 40 anos de comunicación de videoxogos no mundo occidental, dende as revistas mensuais ata os fenómenos de Twitch; e Luz Castro fará un percorrido sobre o sector dos videoxogos en Galicia e a actividade da asociación.