Friday 22 de November de 2024

O filme María Solinha proxectarase na Pobra do Caramiñal


O filme María Solinha proxectarase na Pobra do Caramiñal coa axuda da Deputación da Coruña. Será
no domingo 27 de setembro, ás 20.00 horas, no Elma.
Producida por Vía Láctea Filmes e Televisión de Galicia (TVG), a película recrea a vida de María Solinha, unha muller que viviu en Cangas no século XVII e que foi acusada de bruxaría e queimada pola Inquisición. A obra, con guión de Ignacio Vilar, trata da opresión e conta a historia dunha muller libre e loitadora.
Unha historia que viaxa pola vida das mulleres dos séculos XVII e XXI, onde a protagonista sofre no presente século desacougantes ecos da agresión que sufriu María Solinha no pasado. Así, recupérase a figura dunha muller perseguida polo poder político e a Igrexa após desafia-lo sistema estabelecido.
O evento constará da presentación do filme coa presenza do director, Ignacio Vilar, e organizarase un coloquio posterior coas persoas asistentes.
A cabida do local estará limitada para segui-las medidas de seguridade implantadas por mor da COVID-19. Por iso, a entrada, se ben gratuíta, será pola orde de chegada ó teatro cine Elma.