A Xunta de Goberno Local concedeulle a Repsol a licenza para construír a nova instalación
Na sesión de hoxe a Xunta de Goberno local concedeulle a Repsol licenza para comezar os labores de construción do novo poliduto para descargar o cru, que unirá as instalacións da compañía co porto exterior de Punta Langosteira, e que conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros. Repsol, que xa lle aboou ao concello a taxa da licenza, que ascende a 14.778 euros, ten agora seis meses para iniciar os traballos.
Deste xeito, tal e como explicou a alcaldesa, o Goberno local dálle luz verde a unha instalación de gran transcendencia económica para o sector industrial e para a cidade, que permitirá descargar o cru con todas as medidas de seguridade e ambientais necesarias e, o que é máis importante, “desbloquea e impulsa o último paso para un proxecto que lle permitirá liberar os peiraos, recuperar parte da cidade
e construír unha cidade nova dentro da cidade: un novo ensanche”. Ademais, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde á contratación do servizo de mantemento, conservación e reposición de áreas infantís, zonas biosaudables e espazos lúdicos urbanos por un importe de 999.785 euros e unha duración de dous
anos, prorrogables anualmente por tres máis até un máximo de cinco.
Doutra banda, tamén se lle concedeu licenza á empresa Abeconsa SL para modificar as obras autorizadas para construír un edificio na rúa Alfredo Vicenti, 34 e rúa Pondal, 14. As modificacións que se introducen son a redución do número de vivendas e ampliación de prazas de aparcamento e beirados sen afectarlles aos valores protexidos do edificio nin ás condicións impostas polo órgano competente da Consellería de Cultura en protección de patrimonio cultural. O orzamento de execución das obras é de 1,9 millóns de euros.
Na sesión tamén se informou das 23 licenzas urbanísticas outorgadas do 7 ao 18 de setembro. Neste período resolvéronse un total de 178 expedientes.
A Xunta de Goberno Local tamén acordou corrixir os erros materiais detectados no acordo da XGL do 7 de agosto de 2020 en que se aprobou de maneira definitiva a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello da Coruña e as súas normas de xestión.
No ámbito de Benestar Social, a Xunta de Goberno local deulles luz verde a dous convenios de colaboración con Cruz Vermella e Cáritas Diocesana para desenvolver programas de atención a persoas maiores que se encontran en situación de soidade, por un importe de 100.000 euros e 75.000 euros respectivamente.
Doutra banda, concedeulle á entidade Amigos da Ópera unha subvención nominativa coa finalizade de contribuír ao financiamento da Tempada Lírica 2020, por un importe de 80.000 euros.
Na Área de Medio Ambiente, a empresa Xalo Obras e Servicios SL terá unha prórroga do contrato de servizo de limpeza e mantemento de aseos públicos por un importe de 404.315 euros do 1 de decembro de 2020 até o 30 de novembro de 2021.
Ademais, autorizouse unha modificación do contrato para prestar o servizo de reparación e mantemento dos espazos exteriores dos Colexios Públicos de Educación Infantil e Primaria (CEIP), Centros de Educación Especial (CEE) e Centros Públicos e Promoción de Adultos (EPAPU). A modificación supón un incremento do prezo do contrato por un importe total de 36.800 euros.