Durante a semana pasada non mantivo contacto co persoal municipal, polo que non foi preciso activar o protocolo anti-covid na Casa do Concello
Un dos concelleiros integrantes do grupo de goberno de San Sadurniño permanece en corentena desde o domingo despois de ser diagnosticado de COVID-19. Foi na madrugada do sábado ao domingo cando notou os primeiros síntomas ao espertar de madrugada con febre e calafríos. Tras informar da súa situación ao SERGAS, o luns fíxoselle unha proba PCR que confirmou o positivo na mañá deste martes. O concelleiro permanece confinado no seu domicilio, onde deberá gardar corentena durante 14 días. Dase a circunstancia de que durante a semana pasada colleu uns días libres e non pasou polo Concello agás o luns 14, cando permaneceu parte da mañá no seu despacho. Por esta razón, e seguindo indicacións do Servizo Galego de Saúde, non foi necesario activar o protocolo anti-covid nas dependencias municipais.
Con todo, desde a Alcaldía remitíuselle unha comunicación interna a todo o persoal municipal informando do caso e solicitando que calquera traballadora ou traballador que puidese ter un contacto directo co afectado o comunique de inmediato para trasladarllo ao SERGAS por se as autoridades sanitarias estimasen oportuno adoptar algunha medida concreta.
Na comunicación dirixida a todos os departamentos tamén se lembra que nestes momentos estamos en plena segunda onda de contaxios do coronavirus, polo que se lle pide ao persoas extremar as precaucións aplicables con carácter xeral.
Neste sentido recórdase que a máscara é obrigatoria en todo momento nos espazos públicos a partir dos 6 anos, que se deberán evitar as aglomeracións e que sempre cumprirá manter a distancia de seguridade de polo menos 1,5 metros con respecto a outras persoas.
Tamén é fundamental lavar e desinfectar as mans con frecuencia, non tocar os ollos, o nariz e a boca e, se se nota calquera síntoma coincidente cos da COVID-19 (febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos), quedar na casa e informar ao SERGAS a través do 900 400 116. Ademais, no caso de traballadoras e traballadores do Concello tamén se debe de poñer en coñecemento do departamento de Persoal.
Iso foi o que fixo o concelleiro tan pronto como empezou a notar os primeiros síntomas, na madrugada do sábado para o domingo. Despois de coñecer o resultado, o servizo de rastrexo do SERGAS contactou con el para identificar os posibles contactos que tivera desde o xoves da semana pasada, todos eles do seu círculo familiar. Nestes momentos están en espera de que lles fagan as respectivas PCR ou agardando xa o seu resultado.