Friday 22 de November de 2024

O alcalde asegura que a construcción do novo auditorio lles custará aos ribeirenses menos cartos dos que autorizou a corporación


A APORTACIÓN DO CONCELLO PARA UNHA NOVA LICITACIÓN SERÍA 300.000 EUROS MENOR QUE OS 1,5 MILLÓNS DE EUROS QUE ACORDARON OS GRUPOS EN PLENO FAI DEZ MESES

O alcalde Manuel Ruiz pronunciou esta mañá unha rolda de prensa co obxecto de aclarar a cidadanía do municipio que a construción do novo Auditorio de Ribeira lles custará ás arcas municipais menos cartos dos que os grupos da Corporación autorizaron segundo o aprobado no pleno de novembro de 2019.
Neste senso, Ruiz Rivas recordou que na devandita sesión plenaria se aprobou un suplemento de crédito por un importe de 1,5 millóns de euros en concepto de aportación municipal para construír un inmoble de 3,6 millóns de euros, que tamén estaba cofinanciado polos fondos europeos da EDUSI. Pois ben, os fondos que tería que aportar o Concello para volver a sacar o proxecto a licitación co seus custes
reais serían inferiores en 300.000 euros a ese 1,5 millóns de euros autorizado no pasado mes de novembro: o que, en porcentaxe, equivale pasar dunha financiación municipal dun 52% a un 34%.
Máis dun millón obtidos da Xunta Esta diminución explícase —lembrou o alcalde— polas súas xestións
coa Xunta de Galicia, que lograron frutificar con aportacións autonómicas de varias concellerías por importe de máis dun millón de euros, dos cales 190.000 estiveron destinados directamente a redacción do proxecto técnico actual. Así, no caso de que os grupos opten por que non se faga o auditorio estaríanse perdendo estes cartos e tamén se correría un risco de perder os practicamente dous millóns de euros dos fondos europeos da EDUSI, amén de que o
Concello investiu preto de 400.000 euros en adquirir un solar na praza do Centenario para este concreto cometido.

“¿Pódenlle dicir aos ribeirenses que gastando menos do que me autorizaron a gastar podemos perder tres millóns de euros que veñen doutras administracións?”, preguntou Manuel Ruiz, quen engadiu que
“estamos pedindo aos grupos menos do que xa deron e que deixen gastar o que conseguimos por fóra”.
Máis financiación externa
Ruiz Rivas anunciou tamén que segue mantendo conversas para lograr máis financiación externa tanto de entidades públicas como privadas de tal xeito que, se o pleno do vindeiro luns dá o visto bo, esa porcentaxe do 34% que está aportando o Concello se reduciría aínda máis.
Durante a súa intervención, o alcalde fixo un repaso dos antecedentes que conduciron á situación anual, comezando pola intención inicial de adecuar a infraestrutura da antiga discoteca Hesta Kurba para conformar o Auditorio (foi descartado ante a conveniencia de potenciar o centro da cidade como motor da economía local), a adquisición dun solar na praza do Centenario, o lanzamento dun concurso de ideas, a redacción do proxecto e a licitación na obra, que foi cando varias empresas constataron que os prezos reflectidos no documento técnico resultaban insuficientes. A último respecto, Manuel Ruiz —quen negou que esteamos ante un sobrecuste— manifestou que logo chegará o momento de pedir responsabilidades.