Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Camariñas oferta actividades formativas para as persoas propietarias de montes


As accións concentraranse en tres cursos, un presencial e dous en liña

O Concello de Camariñas levará a cabo o programa “Valoremos o noso monte”, unha actividade que estará formada por tres cursos (un presencial e dous online) que se levarán a cabo entre o día 26 de setembro e o 29 de outubro. Terán como obxectivo aportar as ferramentas necesarias para que os propietarios e propietarias de montes poidan poñer en valor as súas explotacións forestais.
O primeiro dos cursos, de modalidade presencial e con aforo limitado, centrará a súa temática no aproveitamento resineiro e ocupará todas as fins de semana dende o 26 de setembro ata o 24 de outubro. Desenvolverase na Casa da Sociedade de Xaviña e contará a maiores cunha saída ao campo para facer unha demostración do método de resinación.
Os dous cursos restantes, de modalidade en liña, faranse mediante a plataforma Webinar. O primeiro, cun total de 16 horas recollidas entre o 14 e o 28 de outubro, centrarase nas tecnoloxías de xeoposicionamento para a xestión dos montes. Pola outra banda, o relativo á valorización de subprodutos forestais, farase do 15 ó 29 de outubro tamén cun total de 16 horas.
As persoas interesadas en inscribirse nalgún dos cursos ou que teñan calquera dúbida poden poñerse en contacto no correo domingo.canosa@camarinas.net ou no teléfono 653 27 69 89.