Friday 22 de November de 2024

Alvedro resiste mellor a crise que outros aeroportos nacionais


Os datos acumulados de xaneiro a xullo de 2020 sitúan o aeródromo coruñés como 18.o en España, dúas posicións por riba que con respecto a 2019, en que ocupaba a posición 20

O aeroporto da Coruña leva anos medrando de maneira significativa. De feito, no período 2018-2019 Alvedro foi o terceiro aeródromo español canto a crecemento entre os aeroportos españois de máis dun millón de pasaxeiros/as. O seu crecemento de pasaxeiros/as situouse no 10,3%, máis do dobre da media do conxunto na rede de AENA, que é dun 4,4%.
Deste xeito, Alvedro resiste mellor a crise de demanda global xerada pola Covid-19 que outros aeroportos españois. Os datos acumulados de xaneiro a xullo de 2020 sitúan este aeródromo como o 18.o aeroporto español, dúas posicións por riba se o compararmos co ano 2019, en que ocupaba a posición 20.
O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, sinala que “tendo en conta a dura situación que estamos vivindo a consecuencia da pandemia, os datos do aeroporto de Alvedro están moi por riba da media” e, asegura, “seguiremos traballando con todas as partes involucradas no seu progreso para que a tendencia continúe sendo de crecemento”.
Así pois, mentres que no período indicado no conxunto da rede de AENA sufriu unha redución de case o 68%, Alvedro sufriu unha caída lixeiramente menor, dun 63,2%. Ademais, entre os aeroportos da súa categoría, de 1 a 3 millóns de pasaxeiros/as en 2019, é o que mellor resistiu a crise da Covid-19, só por detrás do aeródromo de La Palma.