Friday 22 de November de 2024

A área de Deportes de Fene asigna as quendas de adestramento nos pavillóns municipais para equipos e sociedades do rexistro de entidades


Do 23 ao 30 de setembro poderán solicitar as instalacións entidades non inscritas no rexistro e tamén particulares

O Concello de Fene acaba de publicar o cadrante de reservas nos pavillóns polideportivos da Xunqueira e do Ramo. Trátase da primeira asignación de quendas, que se efectúa habitualmente no mes de setembro co obxectivo de darlle prioridade no uso das instalacións aos equipos federados pertencentes a sociedades, clubes e entidades que figuran no rexistro municipal de asociacións. A distribución horaria estará en vigor desde o 1 de outubro até o 30 de xuño de 2021. Agora abre un novo prazo entre o 23 e o 30 de setembro para que poidan solicitar tempos de adestramento equipos non federados e particulares. Nese caso deberán achegar a solicitude correspondente -descargable desde a web municipal-, ben por vía telemática ou de maneira presencial no Concello (pedindo cita previa no 981 061 034).

No cadro horario publicado hoxe pola Concellaría de Deportes, o pavillón da Xunqueira aparece asignado os luns entre as 18 e as 22.00h. aos equipos do CMI Unidade de Fene, quen tamén reservou para os martes de 19 a 21.00h., os mércores de 18 a 21.00h., os xoves de 19 a 21.00h. e os venres de 21 a 22.00h. Este último día tamén adestrarán das 18 ás 21.00h. os equipos do Club de Patinaxe Inercia.

No caso do pavillón do Ramo as instalacións están reservadas para a Escola de Atletismo os xoves e venres de 18.30 a 19.30h. e para a SD Barallobre os venres de 19.30 a 21.30h.

De acordo con esta asignación inicial, no pavillón da Xunqueira quedarían 20 horas dispoñibles ao longo da semana, mentres que no do Ramo serían 21. Horas que entre este mércores 23 de setembro e o mércores 30 (ambos incluídos) poderán solicitar todos aqueles colectivos e clubes que non estean inscritos no rexistro municipal de entidades e tamén particulares.

A solicitude terá que achegarse por rexistro telemático ou presencial no Concello de Fene, segundo os modelos dispoñibles na web municipal -un para cada pavillón- e, unha vez recibidas, elaboraranse os cadrantes para poder publicalos o día 2 de outubro. Os adestramentos desta segunda rolda de asignacións poderán comezar o día 5.

Medidas preventivas
Desde a Concellaría de Deportes lémbrase a obriga de cumprir con todas as medidas sanitarias indicadas no protocolo preventivo da COVID-19. Haberá que manter a distancia de 1,5 metros entre persoas nos movementos polas instalacións e, de ser posible, tamén na práctica deportiva. Non está permitido o uso das bancadas nin tampouco permanecer no edificio se non é para facer deporte. Pídese, ademais, que se respecten as franxas horarias que se teñan adxudicadas.

No tocante ao uso de máscaras, segue sendo obrigatoria para persoas usuarias de 6 ou máis anos ata o momento de entraren na pista, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade. Ademais, no caso dos ximnasios a máscara é obrigatoria en todo momento, incluso cando se estea facendo exercicio físico.

Os aforos recollidos no protocolo sinalan que nunha pista completa só poderá haber un máximo de 25 persoas ao mesmo tempo. Se o espazo está dividido por cortinas, en cada terzo tamén poderá haber 25 deportistas. No ximnasio o aforo máximo son 12 persoas.

A entrada na Xunqueira ha de facerse polo acceso principal, mentres que para a saída se deberá utilizar exclusivamente a porta traseira.