Friday 22 de November de 2024

Villoslada: “É importante que a mesa que creamos sexa capaz de aglutinar a maior parte dos axentes públicos e privados que teñen algo que dicir sobre a mobilidade”


No marco da Semana Europea da Mobilidade, o concelleiro inaugurou, xunto co director da Dirección Xeral de Tráfico, Pere Navarro, o foro “A mobilidade que necesitamos”

No marco da Semana Europea da Mobilidade, o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, inaugurou esta tarde xunto ao director da Dirección Xeral de Tráfico, Pere
Navarro, o foro “A mobilidade que necesitamos”, organizado pola Mesa pola Mobilidade e Sustentabilidade da Coruña. Villoslada sinalou que desde o Goberno local “tiñamos clara a necesidade de
impulsarmos novas políticas de mobilidade”, xa que “observamos que noutras contornas urbanas, próximas e afastadas, a dinámica é apostar por modelos de mobilidade que impliquen este cambio”. O edil asegurou que neste proceso é importante manter a tensión mais tamén facelo coa prudencia necesaria: “Con isto quero dicir que algunhas políticas de mobilidade necesitan intensidade, planificación e conversación”. O concelleiro recalcou que para o Goberno de Inés Rey “era moi importante instrumentar unha mesa que for capaz de aglutinar a maior parte dos axentes públicos e privados que teñen algo que dicir sobre a mobilidade”.
No primeiro encontro, “A sociedade civil”, Ana Montalbán, coordinadora técnica da Rede Cidades que Camiñan, presentou o relatorio “Cidade 30 rúas deliciosas”.

Tamén participou no dito encontro Lucía Vieito Pan, quen falou en representación da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e da Área Metropolitana.
Por outra banda, o director da Dirección Xeral de Tráfico, Pere Navarro, sinalou que cidades como “Málaga, Bilbao ou Zaragoza” apostan polo tráfico acougado e por unha velocidade máxima de 30 km/h, e por que o próximo valor en alza sexa o que lle corresponde á “Coruña camiña”, xa que os desprazamentos a pé serán “o próximo boom” despois do da bicicleta.
Jeanne Picard, de Stop Accidentes, inaugurou o segundo encontro, “Os máis vulnerables”, xunto co coordinador do Grupo Accesibilidade Coruña, Fran Carreira.
Por último, Alfonso Orro, profesor da Escola de Enxeñeiros de Camiños, analizou o transporte público, con Andrés Souto, de VannenBikke e da Asociación Ciclologística, no panel denominado “O transporte de persoas e envíos”.