A Igrexa manterá o programa de misas, que deberá cumprir estritamente o protocolo Covid. O Concello só fará unha tirada de fogos de artificio dende tres parroquias na noite do sábado ao domingo
O Concello de Brión confirma a anulación da Romaría de Santa Minia e de todas as actividades a ela vencelladas: verbenas, actuacións culturais, postos de venda, atraccións, polbeiras, queima da fachada, animación de rúa… De feito, o único que se mantén é unha gran tirada de fogos de artificio dende Brión, Bastavales e Viceso que poderá ser seguida desde calquera parte do municipio, evitando así a aglomeración de xente.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, mantivo esta mañá unha reunión co equipo organizador do programa de Santa Minia, así como coa Policía Local, para analizar a situación de cara a esta próxima fin de semana. Así, o Concello lembra que todas as actividades municipais relacionadas coa Romaría de Santa Minia están suspendidas e que non autorizará a instalación de ningún tipo de posto, xa sexa de venda, alimentación ou atracción lúdica, en espazos de dominio público.
O único que se mantén é a programación de misas, xa que a súa organización e desenvolvemento non é competencia do Concello de Brión, senón da Igrexa. Aínda así, a Policía Local velará en todo momento polo correcto e estrito cumprimento do protocolo anticovid nestas celebracións relixiosas. Unha tarefa para a que contará tamén coa colaboración da Garda Civil na tarde/noite do sábado 26 de setembro e durante o domingo 27 de setembro, Día de Santa Minia.
Dende o Concello de Brión lamentan a suspensión da súa máis emblemática festa, que este ano ademais cadraba en domingo, o que podería supoñer nun ano normal a asistencia duns 50.000 romeiros e romeiras. Porén, o incremento de contaxios na área sanitaria fai que o máis prudente sexa a suspensión de toda a programación preparada polo Departamento de Cultura para esta fin de semana, tal e como se anunciou a principios deste mes de setembro.