O Concello de San Sadurniño tiña previsto desenvolver o pasado sábado unha ruta de sendeirismo polo sendeiro do Castro que, finalmente, foi suspendida dous días antes debido á incerteza sobre o tempo. A cita adiouse unha semana e farase coincidir este domingo 27 de setembro coa XIII Limpeza simultánea de ríos “Móllate polos ríos” promovida por ADEGA e ducias de municipios e entidades das catro provincias, con colaboración da Xunta e de Augas de Galicia. O itinerario será o mesmo -saída da fonte de San Roque con destino ao castelo de Naraío e despois regreso- engadíndolle unha compoñente de coidado ambiental centrada en retirar lixo do cauce e, máis que nada, das beiras. O inicio está posto para as 9.30h. e fará falla inscrición previa chamando ao 981 490 027 ata este venres en horario de mañá.
O itinerario ten un alto valor ambiental e patrimonial. Na compaña dunha persoa de guía veranse múltiples elementos da arquitectura civil e relixiosa: a fonte de San Roque, a igrexa parroquial, a ponte da Ferraría co seu porco pétreo, os muíños de Pielas, o Batán e Riolimpo, a presa de Blas e, finalmente, o castelo.
Tamén se pasará por espazos de grande beleza natural, xa que o paseo transcorrerá maiormente pola ribeira do cauce, entre ameneiros, loureiros, carballos, nogueiras e castiñeiros (e tamén eucaliptais).
Entre a ida e a volta cubriranse arredor de 10 quilómetros dunha camiñada relativamente doada que durante este verán post-confinamento fixeron centos de persoas. Ese trafego constante deixouse notar nalgunhas zonas, onde quedaron ciscados envoltorios, botellas plásticas e incluso mascarillas. Esa é a razón de que se decidise combinar o paseo de lecer e cultural que xa estaba previsto coa acción proposta na XIII Limpeza simultánea de ríos.
No traxecto cara ao castelo irase atendendo á paisaxe e ás explicacións das persoas que guiarán a expedición. Ao mesmo tempo xa se aproveitará para ir identificando os lugares onde haxa refugallos para logo, cando se veña de volta da fortaleza medieval -onde se fará unha pequena parada de descanso e avituallamento- ir facendo a recollida dos restos que se fosen atopando.
O inicio do camiño está posto para as 9.30h. da Fonte de San Roque (ao pé da igrexa parroquial). Fará falla inscrición previa chamando ao 981 490 027 ata o venres en horario de mañá. Por razóns preventivas hai un máximo de 25 prazas das que xa están cubertas arredor da metade coas persoas que se apuntaran na ruta suspendida a semana pasada.
Recoméndase levar auga, roupa transpirable, calzado cómodo que non sexa de estrea e, se é posible, resistente á auga.
O desenvolvemento da ruta vai depender de como estea o tempo o domingo pola mañá. Se chovese volvería cambiarse para outra data e co mesmo cometido: descubrir a natureza e o patrimonio das ribeiras do Castro e, de paso, librar o río de calquera rastro de lixo