A primeira fase desta iniciativa, que comezou o pasado 31 de agosto, pretende sacar adiante unha necesidade urxente para a cidade e xa varreu a zona do Parrote, Ensanche, o barrio da Agra do Orzán, Os Mallos, Monte Alto, Os Rosales e as principais rúas con locais de hostalaría
O Plan de choque para a limpeza e desinfección en profundidade de toda a cidade avanza con total normalidade e xa leva varridos máis de 100.000 m2 de superficie desde o pasado 31 de agosto, data en que se puxo en marcha esta primeira fase da iniciativa.
A alcaldesa sinalou que “O Concello pretende sacar adiante unha necesidade urxente para a cidade da Coruña, logo de máis de dous anos co contrato de limpeza en precario”. Rey asegura que o seu compromiso con todos os barrios da cidade “é firme”, e que este será só o comezo desta iniciativa.
O plan comezou o día 31 do mes pasado na zona do Parrote, Castelo de San Antón, Avenida da Mariña e zona do Palexco. A continuación, comezou a limpeza no barrio da Agra do Orzán: rúa Barcelona, contorna do Mercado das Conchiñas, rúa Alcalde Lens, rúa Andrés Gaos, avenida das Conchiñas, rúa Agra do Orzán, rúa Cuba e o tramo correspondente da rolda de Outeiro.