A concelleira Ana Isabel García fai un chamamento veciñal á hora de coidar e respectar o mobiliario público, ao tempo que advirte de duras sancións a quen realice estas accións
O Concello de Noia pechará temporalmente o parque infantil do Paseo Marítimo para proceder á reparación dos xogos, que foron obxecto de actos vandálicos durante esta fin de semana. Mentres se realicen estes traballos de reparación, o parque permanecerá pechado ao público para evitar calquera risco para os nenos e nenas.
A concelleira de Parques e Xardíns, Ana Isabel García, explica que “debido ao comportamento incívico de algunha xente vémonos obrigados a pechar temporalmente o parque infantil do Paseo Marítimo, que foi obxecto dunha actuación de vandalismo puro e duro que rompeu o xogo principal, incluído o mástil do barco, que quedou tronzado”. Neste sentido, a concelleira fai un chamamento ao respecto do mobiliario público xa que “estamos falando da segunda vez que temos que actuar nesta instalación en apenas quince días, pois a semana pasada xa tivemos que proceder a cambiar un valado que quedara destrozado”
Así mesmo, García solicita a colaboración veciñal para tratar de dar co autor ou autores deste tipo de incidentes. “Somos conscientes de que non son danos polo uso das instalacións e de que as persoas que utilizan o parque o fan con respecto, pero se alguén viu algo é o momento de que o denuncie porque isto nos afecta a todos e todas. Se cada dous por tres temos que estar reparando o que é de todos e todas, non poderemos investir despois en moitas outras cousas que tamén son necesarias”, apunta a concelleira. Ademais, advirte de que “tentaremos aumentar a vixilancia na zona para tratar de dar coas persoas responsables destes actos, que merecen unha sanción exemplar”.
Mañá luns, o Concello de Noia iniciará os traballos de reparación dos danos causados, co obxectivo de que as instalacións poidan volver abrir ao público ao longo desta mesma semana. “Se manter en bo estado o noso mobiliario urbano é algo importante, no caso deste tipo de estruturas, que están deseñadas para o xogo dos nosos nenos e nenas, isto se volve nunha prioridade. Mentres duren as reparacións, o parque estará pechado para evitar calquera incidencia”, apunta a concelleira de Parques e Xardíns.