A actuación, adxudicada por un importe de máis de 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución de 2 meses
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de construción dunha cuneta de seguridade na estrada AC-409 ao seu paso por Bailía, no Concello de Ordes.
Esta intervención foi adxudicada á empresa José No Martiñan e Hijos Construcciones, por un importe superior aos 48.000 euros- As obras prevén o seu comezo nas vindeiras semanas e terán un prazo estimado de execución de 2 meses.
O contrato ten por obxectivo a mellora da funcionalidade e da seguridade viaria no treito de 300 metros da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 7+150 e 7+450.
Na actualidade este tramo da AC-409 dispón de cunetas a ambas marxes non revestidas e cubertas de vexetación herbácea, polo que o proxecto prevé a execución de cunetas de seguridade e tubos dren.
Os traballos inclúen a escavación en gabia, a colocación de tubo dren de diámetro 150 mm, e o recheo en cuneta con solo seleccionado.
As obras execútanse en terreos de dominio público, polo que non son necesarias expropiacións.