Os cinco músicos galegos ofrecen esta experiencia innovadora na que interpretarán todos xuntos sobre o escenario temas propios que arranxaron para a ocasión
O director do Teatro Rosalía Castro, Xosé Paulo Rodríguez, presentou esta mañá un concerto innovador que, baixo o título Cincoparedes, presenta a cinco músicos galegos: Silvia Penide, Luis Moro, Nando Deibe, Felix Arias e César de Centi. A actuación está programada para o próximo sábado, 24 de xaneiro, ás 20.30 horas.
Cincoparedes trátase dun experimento no que os cinco artistas celebrarán as diferentes maneiras de entender as súas cancións. Neste sentido, o concerto busca trasladar ao público a súa forma de compoñer e vivir o proceso de composición musical, con 90 minutos subidos sobre o escenario do Teatro Rosalía para interpretar todos á vez temas propios arranxados entre os cinco músicos.
As entradas, a 10 euros por persoa, pódense adquirir a través das canles habituais: no despacho da praza de Ourense (ata o venres, de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 hora) e a través da páxina web www.servinova.com.
O concerto Cincoparedes súmase a un mes de xaneiro cheo de actividades no Teatro Rosalía Castro, no que arrancou a nova programación do Ciclo Principal, que inclúe un total de 12 espectáculos ata o 15 de maio. Así, tras representarse a semana pasada No estanque dourado, con Lola Herrera, Héctor Alterio, Luz Valdenebro, Camilo Rodríguez e Adrián Lamana sobre as táboas; os próximos días 30 e 31 de xaneiro chegará a quenda de Kathie e o hipopótamo (Pentación Espectáculos), de Mario Vargas Llosas e dirixida por Magüi Mira, con Ana Belén, Ernesto Arias, Jorge Basanta, Eva Rufo e David San José.