Saturday 16 de November de 2024

Román Rodríguez analiza cos reitores das tres universidades os preparativos de cara ao inicio do curso


No marco da xuntanza trasladoulles que a Xunta prorrogará o Plan de financiación universitaria ao próximo ano 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo hoxe a primeira xuntanza desde que accedeu ao cargo co reitor Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, o da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, e a Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; un encontro no que analizaron os preparativos de cara o inicio de curso no ensino superior, que terá lugar o próximo 21 de setembro.
Durante a reunión na que tamén participou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o conselleiro trasladoulles que a Xunta prorrogará o Plan de financiación universitaria 2016-2020 ao ano 2021, tal e como se preveu na última Lei de Orzamentos de Galicia. Ademais, Román Rodríguez gabou o esforzo destas institucións de cara a permitir que a próxima volta ás aulas se poida levar a cabo coas maiores garantías académicas y sanitarias. Precisamente, avanzou a próxima aprobación do convenio polo que o Goberno galego achegará 3 millóns de euros de fondos propios para afrontar os gastos derivados do inicio do curso.
O conselleiro detallou que cada unha das tres institucións académicas recibirá unha parte fixa e outra variable que se dividirá en función do indicador do coste estándar co que se reparte o fondo estrutural do Plan de Financiamento. Será cada universidade a que decida como asignar estes fondos, en función das súas necesidades, se ben o uso dos mesmos deberá centrarse nos custos derivados da implementación de medidas sanitarias, formación, equipamento do persoal, mellora tecnolóxica das instalacións docentes, actualizacións e ampliación das infraestruturas de soporte á docencia, actuacións sobre a fenda dixital ou
apoio á accións a prol da docencia mixta.
Por outra banda, Román Rodríguez informou aos reitores de que Galicia está aínda pendente de recibir os fondos comprometidos polo Goberno central para a loita contra a covid no eido educativo. Neste sentido, o conselleiro explicou que en canto se reciban os cartos, a Xunta estudará o reparto das mesmas coas universidades. A tal efecto, a vindeira semana terá lugar unha xuntanza de traballo cos xerentes e vicerreitores económicos das tres universidades.

Colaboración e traballo conxunto
O responsable de Educación e Universidade subliñou a importancia da colaboración e o traballo conxunto de cara a este “inédito” inicio de curso. Neste sentido, puxo en valor a colaboración do Goberno galego e estas institucións na elaboración das Instrucións da Secretaría Xeral de Universidades do 30 de xuño de 2020 de previsión de medidas de adaptación das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o curso 2020/2021, que establecen os requisitos mínimos para garantir a calidade da docencia no próximo ano académico.
En base ás mesmas, a guía docente de cada unha das materias incluídas no plano de dunha titulación oficial de grao ou máster universitario que se imparta no SUG inclúe un apartado denominado plan de continxencia. Nel establécense as medidas de adaptación aos distintos escenarios previstos, tanto das metodoloxías docentes como dos sistemas de avaliación, cuxo cumprimento está a comprobarse por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Ademais, cada universidade elaborou un plan xeral de prevención e control sanitario para a institución, con medidas adaptadas a cada un dos centros, dada a heteroxeneidade dos espazos e das actividades docentes que neles se desenvolven.