Acometéronse diversas reparacións no CEIP Nicolás del Río e no IES Punta Candieira
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Xefatura Territorial, ven de concluír diversos traballos de mellora en dous centros educativos do concello de Cedeira, nos que investiu 10.500 euros. Trátase do colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Nicolás del Río e do instituto de Educación Secundaria (IES) Punta Candieira.
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá os centros, acompañada polo alcalde, Luís Rubido, e polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, onde explicou que o groso destas actuacións leváronse a cabo durante o período non lectivo de Nadal, co fin de non interferir no desenvolvemento normal da actividade académica. Por unha banda, no colexio renovouse a instalación da banda larga, co fin de mellorar o acceso a internet de mestres e alumnado. Neste centro, o goberno local de Cedeira está a acometer nestes momentos a substitución do peche perimetral das instalacións, froito da colaboración institucional entre o Executivo autonómico e o municipal. Por outro lado, no instituto Punta Candieira, as obras consistiron na dotación de beirarrúas no perímetro do edificio.
Do Campo aproveitou a súa visita a estes centros para agradecerlle ao goberno local deste municipio a cooperación e o traballo realizado desde o concello para sacar adiante este proxecto, así como á comunidade educativa, “que en todo momento se mostrou disposta a colaborar”.
Con este tipo de actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas nos municipios da provincia, cumprindo o compromiso adquirido cos traballadores e coas AMPAS dos centros, cos que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta seguirá a traballar para avanzar na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.