Saturday 16 de November de 2024

Feijóo avanza a nova estrutura orgánica da Xunta enfocada na loita contra a covid e na reactivación social e económica


Destaca a creación da Dirección Xeral de Relacións Laborais e da Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación do decreto da nova estrutura orgánica da Xunta, enfocada na loita contra a covid e na reactivación social e económica, como quedou patente dende o mesmo momento en que se configuraron as distintas consellerías.
Máis polo miúdo, Feijóo precisou que a Vicepresidencia Primeira asume as competencias da Axencia de Turismo de Galicia; e a Secretaría Xeral de Igualdade pasa a integrarse na Consellería de Emprego e Igualdade, onde se crea unha nova dirección xeral: a Dirección Xeral de Relacións Laborais, coa que se reforza este ámbito de cara aos vindeiros meses, nos que a reactivación económica e o emprego debe ser unha prioridade.
“E o segundo dos órganos directivos de nova creación tamén ten que ver coas prioridades do momento actual”, dixo, referíndose á Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, que formará parte da Consellería de Política Social, que reforzará esta área para afrontar os retos presentes e futuros dos servizos sociais, ante a necesidade de perfeccionar os mecanismos de atención sanitaria nos centros de maiores e persoas con discapacidade e de repensar o modelo de residencias, ademais de seguir axilizando os procesos de valoración da dependencia e da discapacidade.
No tocante á Consellería de Facenda, o titular da Xunta subliñou que asume a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma administrativa e a Escola Galega de Administración Pública. E referiuse tamén aos cambios de denominación en varios departamentos das distintas  consellerías, como a Dirección Xeral de Enerxía e Minas pasa a chamarse Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.
En relación aos nomes das persoas que ocuparán outras responsabilidades, Feijóo explicou Antonio Rodríguez Miranda será o secretario xeral de Emigración. Na Consellería de Facenda, Jesús Oitavén estará á fronte da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, onde substitúe a Natalia Prieto Viso que ocupará a Dirección Xeral de Administración Local. Elena Mancha Montero de Espinosa ocupará a recentemente creada Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade. E, José Luis Cabarcos asumirá a dirección da Axencia galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en substitución de Manuel Rodríguez.

Inés Santé Riveira será a nova directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), cargo no que releva a Miguel Pérez Dubois. Silvia Cortiñas será a nova secretaria xeral técnica da Consellería do Mar. E José Flores asume a xerencia do Sergas, onde substitúe a Antonio Fernández Campa.
Pola súa banda, Carmen Durán Parrondo ocupará a Dirección de Saúde Pública e Ana María Comesaña Álvarez será a nova directora de Recursos Humanos do Sergas.
En Política Social: Jacobo Rey Sastre asume a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; Fernando González Abeijón ocupará a Dirección Xeral de Maiores e persoas con discapacidade; e o doutor Antón Acevedo, médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, farase cargo da Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria.
En canto ás delegacións territoriais, Feijóo precisou que Gonzalo Trenor se fará cargo da de Coruña; Gabriel Alén ocupará a Delegación de Ourense; Luisa Piñeiro exercerá como delegada territorial da Xunta en Pontevedra; Javier Arias Fouz será o delegado territorial da Xunta en Lugo e, finalmente, a delegada territorial da Xunta en Vigo será Marta Fernández Tapias.
O presidente da Xunta concluíu subliñando que os novos delegados substitúen a Ovidio Rodeiro, Marisol Díaz Mouteira, José Manuel Cores Tourís, José Manuel Balseiro e Corina Porro, aos que agradeceu profundamente a súa labor á fronte da Administración periférica da Xunta, e que continuarán servindo aos galegos no Parlamento de Galicia.