A Xunta colabora con esta exposición que foi inaugurada hoxe nun acto no que tamén participaron Margarita Carvalho e os presidentes da Real Academia Galega e a Associaçom Galega da Lingua
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade leva á Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés a mostra Carvalho Calero. A voz presente, impulsada en colaboración coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL) no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2020 promovida desde a Xunta de Galicia. O proxecto expositivo, visitable ata o 1 de outubro e comisiariado polos profesores Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez, foi deseñado por Ouvirmos S.L. co obxectivo de difundir e poñer en valor as dimensións artística, humana e intelectual do autor a quen se lle dedica neste ano o Día das Letras Galegas.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordou que Carvalho Calero foi “un dos grandes artífices da nosa cultura, fortemente comprometido durante toda a súa vida co galeguismo activo e imprescindible creador literario nos eidos poético, narrativo e teatral, tamén imprescindible desde o seu maxisterio nas aulas universitarias de Lingüística e Literatura Galega ou desde a influencia que exerceron, xa nos seus derradeiros anos, as súas ideas sobre a lingua propia de Galicia”.
Na visita participaron tamén os directores xerais de Políticas Culturais e de Patrimonio Cultural, Anxo M. Lorenzo e M.ª Carmen Martínez Ínsua, respectivamente; a filla do autor homenaxeado Margarita Carvalho; os presidentes da Real Academia Galega (RAG) e da nAGAL , Víctor F. Freixanes e Eduardo Sanches Maragoto, respectivamente, ademais da directora da biblioteca, Marisol González.
Adaptada ás medidas da covid-19
O proxecto expositivo Carvalho Calero. A voz presente configúrase arredor dunha ducia de paneis, un audiovisual e un díptico explicativo (reformulado en código QR para adaptalo ás medidas de seguridade sanitaria e protocolos derivados da crise da covid-19). Para alén dos paneis de presentación e de créditos, cinco deles presentan unha liña do tempo con datos relativos ao percorrido vital do autor, os espazos onde este se desenvolveu, as circunstancias políticas que o rodearon e a súa obra.
A continuación, outros cinco céntranse en cadanseu aspecto da súa figura e do seu legado. O primeiro deles aborda o seu traballo como filólogo e divulgador, tanto da literatura como da lingua galega. O segundo, A obra, ocúpase da súa faceta de creador literario. O terceiro, Lugares vitais analiza a súa relación con Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela; o cuarto, Reintegracionista ocúpase da súa posición con respecto á norma ortográfica do galego, en tanto que o quinto, Intelectual honesto mostra a súa actitude vital independente, crítica e comprometida ao longo dos anos.
Tal e como o título da exposición indica, procurouse que fose o propio autor homenaxeado quen –a través de citas de obras literarias, artigos, entrevistas concedidas…– falase directamente de si mesmo e da súa obra.
Outubro, con paradas en Santiago e en Pontevedra
A mostra fai parada na Coruña ata o vindeiro 1 de outubro e continuará a súa itinerancia polas catro provincias ata finais de ano, percorrendo durante ese mes as bibliotecas públicas de Santiago Ánxel Casal e de Pontevedra Antonio Odriozola. En novembro e decembro, chegará á biblioteca de Ourense Xeración Nós, así como a biblioteca pública municipal de Ribadavia e a sede da Fundación Ramón Otero Pedrayo en Amoeiro (Ourense), para completar o percorrido iniciado no mes de xuño no Centro Comarcal Pazo Santomé de Mondoñedo (Lugo), no Museo do Mar de Galicia (Vigo), na Bibioteca Pública de Lugo e na Casa dos Poetas de Celanova (Ourense).
Toda a información, materiais expositivos e calendario de itinerancias poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.