Hoxe tivo lugar a reunión coa Autoridade Portuaria, a quen pertence esta vía.
O Concello de Camariñas comezou coa tramitación para que a estrada ao faro Vilán sexa de titularidade municipal. Hoxe tivo lugar a reunión cos técnicos da Autoridade Portuaria, a quen pertence esta vía, e ao acto acudiron a alcaldesa, Sandra Insua; o concelleiro de Urbanismo, Sergio Caamaño e a concelleira de Turismo, Encarna Liñeiro.
Revisouse o anteproxecto de arranxo desta vía, que unha vez executado, pasará a ser de titularidade municipal, estando previsto que a cesión se faga efectiva de cara a 2021.
Tanto a alcaldesa como os edís camariñáns subliñan que ‘a intervención nesta vía suporá un revulsivo importante para o desenvolvemento social e económico de Camariñas, tendo en conta a súa incidencia no turismo e nas melloras que isto suporá para o uso e goce do patrimonio natural, cultural e paisaxístico da contorna, un dos lugares máis visitados anualmente no municipio’, comentan.
A alcaldesa, Sandra Insua, quixo agradecer ‘á Autoridade Portuaria a súa predisposición e vontade para que esta vía pase a ser de titularidade municipal, o que supón para nós un paso de xigante’, subliñou.
Reunión coa Subdelegación do Goberno
Tamén hoxe, xoves 17 de setembro, a alcaldesa e os edís de Urbanismo e Turismo reuníronse coa Subdelegación do Goberno en Galicia, con sede na Coruña, para tratar temas no relativo á seguridade no municipio de Camariñas. Á súa vez, desprazaronse ata o Catastro para manter unha xuntanza cos seus responsables e transmitirlles a problemática existente na parroquia de Xaviña no tocante a este tema.
A alcaldesa, Sandra Insua, remarcou a ‘relevancia desta primeira toma de contacto co Catastro para darlle trazabilidade a un problema que implica a moitas familias de Xaviña’. Tamén quixo agradecerlle, en consonancia cos edís de Turismo e Urbanismo, ‘que nos teñan recibido hoxe, debido a que a axenda que marca a COVID-19 fai que os compromisos sexan moitos’, salientaron.