A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou esta mañá en María Pita a regata, que contará “cun percorrido que de seguro nos deixará imaxes ben fermosas” da cidade e que gozará da presenza de dous olímpicos como son Carlos Pérez Rial e Óscar Carrera
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, xunto co presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e a presidenta da Sociedade Deportiva As Xubias, Adelaida López Fuentes, presentaron esta mañá no Pazo de María Pita a “III Ocean Race Cidade da Coruña”, que terá lugar este domingo en augas coruñesas con preto de 300 participantes.
A competición contará “cun percorrido que de seguro nos deixará imaxes ben fermosas” xa que A Coruña, dixo a edila, “é unha cidade perfecta para realizar deportes náuticos”. Martínez asegurou que “é un orgullo para este concello organizar un evento de tanta relevancia tendo en conta a importancia do piragüismo en Galicia, o deporte con máis medallas olímpicas de todas as disciplinas”, e sinalou que este domingo “poderemos gozar coa presenza de dous olímpicos como son Carlos Pérez Rial, campión en Pequín, e Óscar Carrera, olímpico en Río de Janeiro, así como varios padexeiros/as con importantes palmarés deportivos como é o caso de Elena Torreiro e Carlos Arévalo.
A concelleira tamén quixo salientar, na busca de lle dar máis visibilidade ao deporte feminino, a importancia das mulleres “neste evento no que participan no órgano directivo Araceli Menduiña, vicepresidenta da federación, e a propia Adelaida López, quen tamén é a delegada provincial da federación na Coruña.
Pola súa banda, Adelaida López agradeceulle ao concello “a ilusión coa que o proxecto foi recibido na Concellería de Deportes e todo o apoio dado” xa que, sinalou, “na situación pola que estamos pasando é moi importante que se apoien este tipo de iniciativas”. A presidenta da Sociedade Deportiva As Xubias animou a toda a cidadanía “a desfrutar deste día porque é un espectáculo que se pode ver desde moitísimos puntos da cornixa cornixa coruñesa e poderase manter a distancia social en todo momento”.
O presidente da Federación Galega de Piragüismo asegurou que “o Concello da Coruña está facendo unha aposta importante pola mellora non só das actividades náuticas na cidade, senón tamén das instalacións”, e agradeceu o apoio da Administración local.