Saturday 16 de November de 2024

Sete poetas participan este sábado no IV Recital de Poesía en feminino “Mulleres do rural”, organizado pola área de Igualdade de San Sadurniño


Sábado, 17.30h. no patio interior do Concello

 

Van xa catro edicións do recital poético organizado pola área de Igualdade en colaboración co colectivo Nova Poesía Guitirica (NPG), que este ano volveu elixir o escenario do patio do pazo para expresar en verso sentimentos de liberdade e empoderamento feminino. A cita é este sábado a partir das 17.30h. nun evento ao que acudirán seis poetas do colectivo chairego, a autora local Xela Barro e tamén a gaiteira moza Dara Dopico. Á sesión poética xa se apuntaron como público 16 persoas. Aínda queda algún oco libre -o recinto ten aforo limitado- que se pode reservar chamando ao 981 490 027 ext. 1 ou enviándolle un correo mañá pola mañá como moi tarde a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

O encontro está suxeito ás condicións do tempo. As predicións meteorolóxicas indican que non vai chover e por esa razón a Concellaría de Igualdade optou por manter o emprazamento que se anunciou no Novas e tamén na cartelaría que hai distribuída polo territorio. Porén, hai plan B e, se a tarde viñese mala, o acto trasladaríase á Casa da Cultura co mesmo horario.

O IV Recital de Poesía en feminino leva este ano o subtítulo “Mulleres do rural” para acentuar aínda máis un carácter que xa ten de por si, dado que a maioría das poetas proceden de entornos coma o noso ou de pequenas vilas, maiormente da Terra Chá. Neste sentido o obxectivo da convocatoria é dobre: por unha banda visibilizar a creación poética alén dos grandes polos de difusión cultural e, por outra -e quizais a máis importante- dar a valer as voces femininas que falan en feminino desde puntos de vista distintos, ao tempo que coincidentes na súa esencia: a contraposición entre a represión do sentimento de antano e a súa expresión libre de hoxe, viaxes de ida e volta ao fondo da intimidade que resultan en versos de reparación e renacemento, pensamentos obxectivos e certeiros sobre o patriarcado e os desequilibrios home-muller que a sociedade teima en manter… Todo cabe nun encontro onde a poesía se pon ao servizo dunha mensaxe en positivo e optimista, sabedora de que ela tamén forma parte do proceso de cambio.

As convidadas este ano son case todas integrantes do colectivo Nova Poesía Guitirica. Un dos nomes que acudirá a San Sadurniño é Pilar Maseda, todo un referente na poesía chairega, autora do poemario “Libres pensamentos” e fundadora do grupo poético-musical Corredores de sombra.

Tamén estará Luz Campello -cofundadora da NPG- quen xa conta no seu haber cos poemarios “Do corazón da Terra” e “Inventario do prohibido”, peza literaria fundamental da poesía feminista que, ademais, achegou a letra para un tema musical de Sonia Lebedinsky.

O terceiro nome do programa é Luz Airado, unha das últimas incorporacións á Nova Poesía Guitirica e unha das poetas con máis futuro dentro da escola poética da Terra Chá e gañadora do premio Díaz Jácome.

O recital contará tamén con María Xosé Lamas, poeta, música, autora teatral e narradora con obras en distintos xéneros e varios premios, designada por Manuel María como a súa afillada poética.

A máis nova en recitar os seus poemas será Clara Blanco. Ten 16 anos e leva desde os 14 escribindo versos comprometidos cos dereitos das mulleres, a diversidade e en contra da exclusión social. No colectivo da NPG e noutros foros destacan que a obra desta moza vai por diante da súa idade, tanto polo seu contido como pola súa calidade.

Pecha o grupo da NPG María Pereira “Oslita”, poeta betanceira autora de “Pura Vida” e coñecida polo seu activismo a prol dos dereitos das persoas máis desfavorecidas e das minorías.

Canda as poetas guitiricas tamén recitará a creadora local Xela Barro, quen xa nos deleitou cos seus versos nunha das obras participantes na mostra “Aló no recuncho máis fermoso” dedicada a Rosalía de Castro e tamén no transcurso da entrega dos premios do certame San Sadurniño en Flor.

A parte musical será cousa de Dara Dopico, a gaiteira máis nova das escolas de música tradicional do Concello. Botará como solista varias pezas do repertorio aprendido no último ano, do que xa tivemos un pequeno avance no programa “Á xunta da noite” interrompido pola pandemia.

O IV Recital de Poesía en Feminino “Mulleres do rural” terá lugar no patio interior da Casa do Concello este sábado a partir das 17.30h. Abrirano a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, e Antón Tenreiro (Antón de Guizán), un dos impulsores do colectivo da Nova Poesía Guitirica.

Está a punto de completarse o aforo do recinto, polo que se algunha persoa quere asistir debe reservar localidade chamando ao 981 490 027 ext.1 ou enviándolle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. É importante recordar a obriga de gardar a separación con respecto a outras persoas, usar máscara e seguir as recomendacións en canto a hixiene de mans e respiratoria.