Nove mulleres de Frades veñen de rematar as 200 horas formativas dun curso de monitor de tempo libre organizado polo Concello de Frades e impartido por persoal da Escola Galega de Tempo Libre. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, foi o encargado de entregarlles os diplomas conmemorativos da súa asistencia ao curso, xa que o título oficial que expide a Xunta de Galicia chegará cando se cubran as 150 horas de prácticas, que as alumnas deberán realizar no prazo de 2 anos.
Un feito que salientou Ferreiro Marzoa, quen animou ás presentes a completar a formación recibida coas correspondentes prácticas laborais “para poder así obter un título oficial expedido pola Xunta de Galicia e que vos abrirá novas portas ao mundo laboral”. A entrega de diplomas tivo lugar no multiúsos de Frades, que acolleu as 90 horas de sesións presenciais obrigatorias nos meses de xuño, agosto e setembro.
Unhas clases presenciais que foron complementadas con 110 horas de formación en liña en materias como lexislación, animación e xogos, animación deportiva, primeiros auxilios, educación ambiental… Para facilitar a formación da mocidade do municipio, o Concello de Frades subvencionou con 50 euros os 250 euros do prezo oficial da matrícula.