Saturday 16 de November de 2024

A Deputación da Coruña selecciona aos últimos dez beneficiarios das bolsas Leonardo da Vinci


Estes días estase entrevistando aos candidatos que pasarán 12 semanas en Francia, Italia ou Alemaña

A Deputación da Coruña remata hoxe a selección de candidatos para a última fase das becas Leonardo da Vinci que concede a institución provincial, como parte do seu programa Práxide.

Se nesta edición foron un total de 30 bolsas as que contemplaba conceder a institución provincial, onte e hoxe estase realizando a preselección dos últimos 10 candidatos que gozarán dunha estancia de 12 semanas en Amiens (Francia), Barcellona Pozzo di Gotto (Italia) ou Friburgo (Alemaña). Nesta última fase do programa houbo 72 persoas apuntadas que, ademais dunha entrevista persoal, tiveron que superar tamén probas de coñecemento de idioma.

O vicepresidente segundo e responsable da área de Promoción Económica e de Emprego da Deputación, Antonio Cañás, encargouse de dar a benvida aos candidatos que chegaron á sede provincial. O deputado animounos para superar tanto o proceso de selección coma a estadía noutro país no caso de ser seleccionado.

As primeiras dúas semanas no estranxeiro, os bolseiros recibirán un curso de idiomas e de preparación cultural e pedagóxica e o resto do tempo realizarán prácticas en empresas do país de destino.

A bolsa inclúe os gastos de desprazamento de ida e volta, o aloxamento, o curso de linguaxe e “pocket-money” mensual para dietas e gastos que poidan ter os bolseiros.

Proxecto Práxide
O programa Práxide da Deputación pretende mellorar as condicións de empregabilidade dos participantes a través da súa aproximación á realidade laboral coa posta en práctica dos coñecementos adquiridos durante a súa formación e facilitando o coñecemento doutro idioma.

Entre os requisitos para optar a estas prazas, está ter entre 18 e 30 anos, ter unha titulación nun ciclo medio, superior ou estudios universitarios e ter coñecementos de inglés e do idioma do país de destino.