San Sadurniño mantén o ciclo de charlas mensuais sobre comunicación e educación familiar e suspende o programa Espazos das familias
Tempo de familias é un programa ideado pola área de Igualdade para mellorar a comunicación e as relacións dentro das familias con rapazada de maior idade, sobre todo adolescente. A actividade víuse interrompidas polas circunstancias sanitarias e agora, co novo arranque do curso, o Concello volve abrir as inscricións, que poderán tramitarse a través do 981 490 027 ext.1. ou do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal ata o 23 de setembro. Desde a concellaría tamén se informa que, polo momento, non vai desenvolverse o outro programa previsto, o Espazos das familias, debido ás obrigas preventivas e de distanciamento persoal que non sería posible manter durante os obradoiros. Con todo, Igualdade seguirá recollendo solicitudes até este venres co obxectivo de coñecer o interese das familias e ver a posibilidade de reformular as sesións sempre que haxa demanda suficiente.
Espazos das familias é un programa socioeducativo que, en esencia, recolle o testemuño do desaparecido Preescolar na casa. Cada dúas semanas celébranse xuntanzas onde as familias e as súas crianzas de entre 0 e 3 anos comparten tempo e xogos nun ambiente de aprendizaxe mutua dirixida por persoal especializado. O obxectivo principal da iniciativa é facilitar un espazo para afondar no desenvolvemento das nenas e nenos nunha etapa fundamental da vida onde se marcan moitos dos trazos da súa personalidade futura.
Porén, dadas as actuais circunstancias, o programa non podería levarse a cabo tal e como estaba concibido ata antes da pandemia. Por este motivo, a Concellaría de Igualdade decidiu suspendelo ata que a situación sexa totalmente segura, ao tempo que se buscan fórmulas alternativas que cumpran unha función similar sen comprometer a seguridade das familias participantes.
No boletín Novas enviado aos domicilios hai unhas semanas indicábase que Espazos das familias tería aberto o prazo de inscrición do 1 ao 18 de setembro. Malia a suspensión do programa isto non cambia, xa que o departamento de Igualdade seguirá recollendo solicitudes co obxectivo de ver o interese existente e mirar a maneira de reformular as actividades. As peticións poden seguir enviándose ao correo pilar.calvo@sansadurnino.gal ou contactando coa Educadora familiar a través do 981 490 027 ext.1.
O que si se mantén é o Tempo de familias
Desde o departamento de Igualdade tamén informan de que en outubro se conta poder retomar -se a situación sanitaria o permite- a serie de charlas do programa Tempo de familias, no que se abordan distintas cuestións relacionadas coa comunicación familiar, a relación coa infancia e a adolescencia e a educación das nosas fillas e fillos.
Cada mes haberá unha sesión impartida por unha persoa especialista na materia que se vaia tratar. Á sesión de outubro virá Antonio Rial Boubeta -profesor na Facultade de Psicoloxía da USC- para falar de adolescencia e adiccións tecnolóxicas. De momento non hai data nin hora fixadas para o desenvolvemento do programa. Iso si, para participar haberá que inscribirse antes do 23 de setembro chamando ao 981 490 027 ext.1 ou mandándolle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. O xoves 1 de outubro ás 18.00h. haberá unha xuntanza informativa para as familias apuntadas.
Esta actividade estará subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
O Concello expón o censo para o sorteo das listas de xurados populares
Entre o 16 e o 22 de setembro -ambos días incluídos- poderá consultarse no rexistro municipal o censo de San Sadurniño de cara á formación das listas de persoas candidatas a formar parte dun Xurado Popular. Esas listas -nas que só figuran persoas que poden ser chamadas- obteranse mediante un sorteo que celebrará a Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral o próximo 24 de setembro ás 12.00h.
A consulta dos datos só poderá facela a persoa interesada presentando o DNI, o pasaporte ou o permiso de conducir onde apareza a fotografía da persoa titular. Será necesario solicitar cita previa no 981 490 027 e o horario de atención é de luns a venres de 8.30 a 14.30h.
Unha vez que se Audiencia Provincial remitirá na segunda metade de outubro a lista de persoas que poderán ser chamadas para formar parte dun xurado para a súa publicación no BOP e no tablón de anuncios municipal. As reclamacións contra a inclusión poderán presentarse na primeira quincena de novembro perante o decanato de Primeira Instancia e Instrución do partido xudicial de Ferrol.
Hai varias circunstancias que impiden ou excusan de ser xurado, como por exemplo ter máis de 65 anos, ter sido xa xurado nos catro anos anteriores, ter cargas familiares que o impidan, desempeñar un traballo de relevante interese xeral, residir no estranxeiro, ser membro das forzas e corpos de seguridade, etc. Todas elas están recollidas na Lei Orgánica 5/1995, de 22 de maio, do Tribunal do Xurado.