O martes da pasada semana o Concello de Moeche comunicou en Consello Escolar o acordo do Concello e da ANPA do CEIP San Ramón para adquirir conxuntamente máscaras lavables, de material homologado, e filtros para a todo o alumnado da escola Esta acción enmarcarase no convenio que anualmente asina co Concello. O obxectivo desta iniciativa é colaborar ante as novas esixencias das normas e protocolo de seguridade establecido para os centros de ensino pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia ante situación do COVID 19 e que inciden nas economías familiares.
As familias recibiron o pasado venres un correo electrónico no que se informa de que, para que estas máscaras se adapten a cada neno ou nena e ofrezan a mellor protección, se establece un período desde o luns 14 ao venres 18, de 9 a 13 horas ou de 16.00 a 20.00 horas, para achegarse ao taller de costura local, Natalia Fraguela, (situado en San Ramón, fronte ao cruceiro do campo da festa) e comprobar o tamaño apropiado para cada un. O alumnado que non pase polo local de costura nese período, recibirá un tamaño estándar dos 3 establecidos, pequeno, mediano e grande, en función da súa idade.
As máscaras serán confeccionadas no taller de costura Natalia Fraguela, de Moeche, con tecido homologado, lavables, de 30 usos e acompañaranse dun paquete de 60 filtros, tamén homologados, que permitirán o uso da máscara logo dos 30 lavados. Cada máscara levará o nome do alumno ou alumna bordado na cara interior e con cada unha farase entrega das normas de uso e a comunicación das homologacións do tecido.
Desinfección e limpeza do centro.
O Concello ampliou o servizo de limpeza contratado para a escola para darlle cumprimento ao protocolo establecido pola Xunta de Galicia, pese non serlle asignados recursos aos municipios e no ser competencia propia, dado que lle corresponde á Xunta de Galicia a execución das accións sanitarias necesarias para o control e prevención de enfermidades transmisibles.
Con todo e ante a falta de asunción desta tarefa e urxencia da situación, en estreita colaboración co profesorado, estableceuse un programa de acción diaria para as funcións de desinfección con cargo aos fondos municipais, a través da empresa de limpeza contratada polo Concello e dos operarios municipais:
Desinfección dos xogos exteriores do parque a primeira hora da mañá
Desinfección de baños e zonas común, pasamáns, pomos de portas, etc. dúas veces na mañá
Desinfección e limpeza diaria do polideportivo municipal para as clases de educación física.
Actividades extraescolares
Á espera da evolución da situación sanitaria e no marco do desenvolvemento do protocolo aprobado para o ensino pola Consellería de Educación, o Concello decidiu agardar e non ofrecer as habituais actividades extraescolares neste primeiro trimestre do curso.