Friday 22 de November de 2024

Galicia, comunidade líder no sector termal, promociona a súa oferta na feira Thermalies de París


Turismo de Galicia difundirá os valores e os servizos termais galegos nun dos certames turísticos especializados máis importantes de Europa entre os días 22 e 25 de xaneiro

O potencial termal de Galicia, tanto no ámbito dos recursos como no da oferta de servizos e aloxamentos, poderase difundir esta semana en Francia a través da feira Thermalies, un dos certames turísticos especializados máis importantes de Europa, no que Turismo de Galicia instalará un recinto propio para mostrar toda a riqueza termal galega.

Trátase dun certame no que os visitantes adoitan mercar directamente a súas estancias en centros termais e así a participación galega na feira resulta indispensable para dar a coñecer os valores termais galegos e apoiar a comercialización dos servizos.

Así, entre os días 22 e 25 de xaneiro, o sector termal de Galicia terá unha excelente oportunidade de se promover entre o público francés, un dos que máis se decanta polo turismo de saúde na conxunto europeo.

Deste xeito, nesta mostra, a Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia (AEITEGAL) contará cun espazo propio para intermediar directamente co público que asista estes días de feira ao Carrousel do Louvre.

Galicia, líder termal
Galicia conta cun patrimonio natural e cultural que a fan única. Entre os seus múltiples recursos endóxenos, un deles destaca notablemente pola súa abundancia, calidade e singularidade, e que constitúe unha vantaxe diferenciadora e competitiva respecto a outros destinos tanto a nivel nacional como internacional: as súas augas termais.

Galicia é a comunidade líder no conxunto do Estado en canto á oferta mineiro-medicinal, con máis do 20% dos establecementos balnearios e tamén é a comunidade con maior número de establecementos termais distinguidos coa Q de calidade do Estado, xa que 8 dos 36 balnearios españois que contan con esta distinción son galegos.

Deste xeito, a auga termal constitúe hoxe un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico da comunidade galega.

O turismo termal na Comunidade galega é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade, con maior capacidade de desestacionalización da demanda, con poder para a captación de máis segmentos de público e de grande atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outro produtos e servizos relacionados co patrimonio cultural, natural ou a enogastronomía.

Un plan específico para posicionar Galicia como destino termal
Así o contempla o Plan de Turismo Termal para a Provincia de Ourense. Un programa específico, promovido por Turismo de Galicia, que persegue o fortalecemento do sector turístico termal da provincia de Ourense, coa visión de consolidar e fortalecer a posición de Galicia como destino termal global.

No marco deste plan constituíuse o Consello Termal Ourensán co obxectivo de impulsar a promoción turística de Galicia potenciando o termalismo en Ourense.

Así mesmo, moitas outras actuacións incluídas neste programa xa están en marcha: a finalización de obras de balnearios abandonados ou de nova construción, como é o caso de Cortegada; a ampliación da capacidade de aloxamento na comarca termal de Monterrei, na que cómpre destacar a conversión da Fortaleza de Monterrei; a creación de novas rutas turísticas, como a ecovía fluvial do Támega; accións de promoción e comercialización, como a organización de viaxes de familiarización para operadores turísticos e xornalistas; a asistencia a feiras de comercialización específicas do eido termal; e a formación, na que salienta a Cátedra de Hidroloxía Médica de Galicia, o mestrado de Dirección e planificación do turismo interior e de saúde, da Universidade de Vigo.

Así mesmo, cómpre mencionar os traballos para a creación do Club de produto turístico da auga de Galicia, unha iniciativa pioneira no sector turístico nacional co obxectivo de promover experiencias turísticas e produtos coa auga como eixe vertebrador.