Saturday 23 de November de 2024

O Concello de Frades vén de investir máis de 50.000 euros na mellora de dous camiños rurais en Gasalla e Xeza


As obras foron financiadas cunha achega de 42.505 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

O Concello de Frades vén de rematar os traballos de mellora de dous camiños rurais en Gasalla (Abellá) e Xeza (Galegos-Mesos), que suman máis de 2,5 quilómetros de lonxitude e nos que investiu 51.431,05 euros. Unha actuación incluída no Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que achegou unha axuda de 42.505 euros.
As actuacións realizáronse nas pistas de Gasalla, de 875 metros de lonxitude e un ancho de 3,5 metros, e no camiño a Xeza, de 1.655 metros de longo por 4 metros de ancho. En ambos os casos, a empresa adxudicataria, Cosmalca SL, procedeu á limpeza de gabias de ambas marxes da pista e á reparación das fochancas e perfilado de mordentes no 20% da superficie con pedra e tratamento asfáltico semiprofundo. Así mesmo, mellorouse a capa de rodaxe a través dun tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma.
Ademais, para unificar o tipo de pavimento, pavimentáronse os abanicos transversais das dúas pistas con doce centímetros de pedra e triplo rego asfáltico. Finalmente, no caso do camiño a Xeza colocouse unha nova sinal de Stop, mentres que no camiño de Gasalla instaláronse 14 metros de cano de formigón, de 40 centímetros de diámetro, para a drenaxe de pluviais.