Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño mantén aberto o prazo de inscrición para a ruta deste sábado polo Castro


 

Para quen lle tiren os paseos pola natureza este sábado hai unha proposta ben interesante percorrendo un dos itinerarios de maior valor paisaxístico e patrimonial do concello de San Sadurniño. A Concellaría de Cultura organiza unha ruta de sendeirismo de 10 quilómetros de distancia e intensidade media-baixa polo sendeiro do Castro que partirá ás 9.30h. do adro da igrexa de Naraío con destino ao castelo -onde haberá un pequeno avituallamento- para despois regresar ao punto de saída. Para esta ruta ofértanse 25 prazas dándolle prioridade ás persoas empadroadas en San Sadurniño. As inscricións poden facerse até o xoves chamando ao 981 490 027 en horario de mañá. A andaina leva programada varias semanas e xa se dera conta dela no último boletín Novas. Porén, o seu desenvolvemento dependerá das condicións atmosféricas. No caso de que se prevexa mal tempo concertarase unha nova data coas persoas inscritas.

O itinerario ten un alto valor ambiental e patrimonial. Na compaña dunha persoa de guía veranse múltiples elementos da arquitectura civil e relixiosa: a fonte de San Roque, a igrexa parroquial, a ponte da Ferraría co seu porco pétreo, os muíños de Pielas, o Batán e Riolimpo, a presa de Blas e, finalmente, o castelo.

Tamén se pasará por espazos de grande beleza natural, xa que o paseo transcorrerá maiormente pola ribeira do cauce, entre ameneiros, loureiros, carballos, nogueiras e castiñeiros (e tamén eucaliptais).

Entre a ida e a volta cubriranse arredor de 10 quilómetros dunha camiñada relativamente doada. O sendeiro está limpo, non hai zonas anegadas nin demasiado irregulares e abonda con ter costume de andar para poder completalo sen maior problema e só o último tramo, o da subida ao lugar do Castelo, require algo de esforzo.

O inicio está posto para as 9.30h. e fará falla inscrición previa chamando ao 981 490 027 ata este xoves en horario de mañá. Por razóns preventivas hai un máximo de 25 prazas para maiores de 7 anos, que se asignarán por orde de inscrición dándolle preferencia á veciñanza de San Sadurniño.

Recoméndase levar auga, roupa transpirable e calzado cómodo que non sexa de estrea. Quen participe na ruta terá cobertura dun seguro de accidentes e, ao chegar ao castelo, tamén haberá un pequeno avituallamento para recuperar folgos e emprender a volta, practicamente toda costa abaixo.

O desenvolvemento da ruta vai depender de como estea o tempo o sábado pola mañá. Segundo parece hai altas probabilidades de que chova, aínda que de momento é relativamente cedo para sabelo con certeza. Se se dese esa circunstancia o itinerario cambiaríase para máis adiante mantendo as prazas das persoas xa inscritas e abrindo un novo período de inscrición para cubrir as baixas que se puidesen producir.