Friday 22 de November de 2024

A Pobra retoma as obras en varias vías públicas


O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría dos Servizos Municipais, efectuará varias actuacións en vías públicas consistentes no mantemento e asfaltado, as cales estiveron paralizadas por mor da situación xerada pola COVID-19, tal e como explicou o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, quen indicou que “nunha situación normal, no mes de maio xa se estarían afrontando estas obras que finalmente tiveron que esperar ata o mes de setembro.”
A edil dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, encargouse de detallar cales son as obras e o seu importe. Así, no pasado venres iniciouse a reparación dun camiño no lugar de Caíños, por 4.743’20 euros, coa limpeza e a nivelación das rasantes da superficie existente, a carga dos produtos sobrantes e o seu transporte ó vertedoiro, e incluso tapa-las fochancas nas zonas en que sexa necesario cunha achega de recheo de grixo e a súa compactación para, a seguir, proceder coa subministración, a extensión e a compactación dunha mestura bituminosa en quente tipo AC16 Surf 50/70 D, nun espesor de 5 centímetros, despois do rego de adherencia.
Proximamente, empezarase co arranxo da vía que une as estradas AC-302 e Tarrío, cun custo de 8.379’25 euros, o cal comprende a fresadura do pavimento en asfalto e o envío do sobrante a un vertedoiro autorizado; a protección de tapas con formigón coa adaptación á nova vía e o pavimento de aglomerado asfáltico en quente de 5 centímetros, de elaboración na planta, de composición densa D-20, con árido granítico; a extensión e compactación ó 98% do ensaio Marshall, inclusive regos de imprimación e adherencia.
Tamén se porá en marcha o amaño do tramo final da rúa do Castelo coa súa conexión coa AC-305, por 7.569’15 euros, que inclúe o corte do pavimento cunha máquina disco, a fresadura do pavimento en asfalto e o envío do sobrante a un vertedoiro autorizado, a protección con formigón para o asentamento da pedra, así como a nova colocación da reixa e pavimento de pedra similar á xa existente de 6 centímetros de espesor asentada no morteiro.
A seguinte intervención será o acondicionamento das pistas dos núcleos de Tarrío.
Tódalas actuacións detalladas serán realizadas antes do día 31 de decembro do presente ano, ademais de que non se descartan outras a maiores en función do remanente de cada unha das partidas que recolle o orzamento municipal.