Friday 22 de November de 2024

Adeus á antiga nave de Fondomar


O Concello solicitará unha nova xuntanza co ente autonómico para abordar os usos futuros do terreo e tamén para solicitar o derrubamento da antiga depuradora de Maniños.
Portos de Galicia rematou hai tan só uns días os labores de demolición e retirada de cascallos da antiga nave de Fondomar, situada ao pé do peirao de Barallobre. Case catro anos despois de que se iniciasen as negociacións entre o Concello e o organismo dependente da Xunta de Galicia, esta zona do lugar do Carril recupera preto de 3.300 metros cadrados de espazo diáfano mirando ao mar e cun grande potencial vencellado ao lecer ou ao seu uso futuro como parte da actividade marisqueira e deportiva. Agora só queda pendente outro traballo: derrubar tamén a vella EDAR de Maniños, situada a tan só uns metros. O Concello solicitará unha xuntanza con Portos de Galicia para tratar esta cuestión e tamén a dos usos que se lle poden dar á nova parcela dispoñible.

O consistorio teno claro e incluso existe un anteproxecto desde hai anos que avoga por converter a parcela da antiga Fondomar nun espazo dotacional para a actividade marisqueira, pero tamén para o lecer e o deporte. Nel poderían situarse dependencias para a reparación de embarcacións e outro material de traballo de mariscadores e mariscadoras, espazos para entidades relacionados coas actividades acuáticas -como por exemplo a vela, o piragüismo ou o submarinismo- e incluso cabería a posibilidade de destinar unha parte a usos hostaleiros, tal e como se lle expuxo á Xunta nos encontros mantidos desde 2016.

O primeiro paso está dado. Tralo traballo de demolición das últimas semanas na ribeira de Barallobre xa non queda nin rastro da vella edificación nin do seu peche perimetral. Agora toca concretar aínda máis que se vai facer co predio de 3.300 metros cadrados propiedade de Portos de Galicia e integrado nunha liña marítima de 400 metros de lonxitude onde tamén se atopan a lonxa da confraría de Barallobre, unha área arborada, un pequeno parque infantil, o pantalán deportivo e o paseo marítimo Bieito Cupeiro.

“Queremos recuperar as negociacións e contactos que iniciamos hai catro anos e que o anterior goberno non tivo entre as súas prioridades”, explica Juventino Trigo. “Daquela acordouse a demolición de Fondomar que agora se fixo realidade e tamén se empezou a falar de como darlle novos usos ao sitio dispoñible, que en todo caso entendemos que han de ir na liña de potenciar o marisqueo e as actividades lúdicas relacionadas co mar. Temos ideas e un anteproxecto, pero fai falla perfilalo aínda máis, cuantificalo e obter fondos para levalo a cabo”, engade o rexedor.

Juventino Trigo sinala que nestes días vai solicitarse un novo encontro con Portos de Galicia para falar do futuro da ribeira de Barallobre-Maniños tamén no referido á antiga depuradora, construída na súa maior parte en terreos do organismo autonómico. “Xa en 2017 falamos da posibilidade de que Portos derrubase esas instalacións, co que se gañarían arredor de 1.500 metros cadrados adicionais ao pé do paseo marítimo. O espazo podería dedicarse a equipamento ou habilitarse como zona verde e, sexa cunha finalidade ou con outra, serviría para completar a recuperación ambiental dun lugar estratéxico para a economía e o turismo do noso territorio”.