A Xunta de Goberno local, en sesión ordinaria, deu conta do informe interno no que se detalla ese gasto extra, así coma doutro informe, neste caso elaborado pola Deputación da Coruña a petición de varios concellos – o de Santiago de Compostela entre eles – no que se conclúe que debe ser a Xunta a que compense ás administración locais polo custo do servizo de desinfección nos centros educativos de titularidade autonómica. O concelleiro secretario do Xunta de Goberno, Sindo Guinarte, informou en rolda de prensa dos asuntos tratados esta mañá.
As concellarías de Educación e Deportes elaboraron un informe no que se detalla o sobrecusto que supón a limpeza extra para a desinfección por mor da COVID de centros escolares e dos pavillóns deportivos vinculados a estes centros (7 en total), derivada das normas dictadas pola Xunta de Galicia o pasado 31 de agosto. En total, o gasto ascende a 38.000 euros mensuais, que se desglosa do seguinte xeito:
a) Custe extraordiario, por mes, IVE engadido:
i. Do 10 ao 30 de setembro:
1. Centros educativos: 17.945,86 euros.
2. Polideportivos: 3.991,95 euros.
ii. De outubro a decembro de 2020 e de xaneiro a xuño de 2021.
1. Centros educativos: 23.927,81 euros.
2. Polideportivos: 14.564,76 euros.
b) Custe extraordinario anual IVE engadido:
i. Exercicio 2020 (do 10 de setembro ao 31 de decembro)
1. Centros educativos: 89.729,29 euros.
2. Polideportivos: 47.686,23 euros.
ii. Exercicio 2021 (do 01 de xaneiro ao 30 de xuño)
1. Centros educativos: 143.566,86 euros.
2. Polideportivos: 87.388,56 euros.
Tamén se deu conta nesta sesión da Xunta de Goberno do informe emitido pola Deputación da Coruña a petición de varios municipios, entre eles o de Santiago, sobre competencias dos concellos en materia de desinfeccion ANTICOVID-19 nos centros educativos de titularidade autonómica. “O informe di que esa limpeza imposta por normas autonómicas extraordinarias debe ser compensado pola Xunta”, indicou o concelleiro Sindo Guinarte, que anunciou que se lle dará traslado ao servizo de Contratación e á Asesoría Xurídica municipal para que emitan o seu correspondente informe ao respecto.
Sentenza
Nesta mesma sesión deuse conta da sentenza, favorable para os intereses municipais, que desestima o recurso de apelación interposto por ADIF en relación ao requirimento efectuado para que o Concello procedese ao pago de 6.817.221,49 euros en cumprimento de distintas obrigas derivadas, segundo a empresa, do convenio asinado entre as partes para o desenvolvemento dos sectores de Cornes e Pontepedriña. A sentenza, contra a que cabe recurso, impón ao recorrente o importe de 1.000 euros máis IVE en concepto de custas.
Convenio da capitalidade
Outro dos asuntos tratados foi a dación de contas da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia para sufragar os gastos derivados da condición de Compostela de capital da comunidade autónoma de Galicia. Para o ano 2020 a contía é de 2.392.425 euros e o pagamento realizarase de xeito fraccionado. O primeiro libramento realízase con anterioridade ao 10 de agosto, o segundo antes do 30 de setembro e o último antes do 15 de decembro de 2020. O convenio está vixente ata o 31 de decembro de 2020.
Outros asuntos
A proposta do concelleiro delegado de Relacións Veciñais aprobouse a concesión de subvencións ás distintas asociación de veciños para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral durante o exercicio 2020, que ascenden, unha vez repartido o sobrante correspondente, a 68.910,85 euros. Presentáronse 29 solicitudes.
Así mesmo, deuse luz verde á sinatura de varios convenios con distintas entidades de acción social por importe de 93.000 euros: 15.000 para a Coordinadora Galega de ONGD, 10.000 para a Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, 3.000 para a Fundación Andrea, 5.000 para o Banco de Alimentos e 60.000 para a Federación de Asociacións de Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES).