Friday 22 de November de 2024

O alcalde de Noia supervisa os últimos detalles da remodelación da lonxa do Testal de cara ao inicio este luns da campaña marisqueira


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, visitará este luns ás 11:30 horas unhas instalacións nas que se investiron preto de 600.000 euros

O alcalde de Noia, Santiago Freire, vén de supervisar os últimos detalles das obras de remodelación e ampliación da lonxa do Testal executadas pola empresa Tragsa de cara á apertura da campaña marisqueira este luns. Unhas instalacións nas que a Consellería do Mar vén de investir preto de 600.000 euros e que serán visitadas polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, este luns 14 de setembro, ás 11:30 horas.
“Trátase dunha actuación moi demandada na que a Consellería do Mar asumiu en solitario un investimento próximo aos 600.000 euros e que ten como obxectivo favorecer as condicións laborais dun colectivo tan importante para Noia e a nosa contorna como son os mariscadores e mariscadoras”, explica Freire Abeijón.
As obras supuxeron unha fonda remodelación destas instalacións, que redundarán na mellora das condicións de illamento, impermeabilidade e climatización do inmoble. Así mesmo, mellorouse a cuberta do edificio, a accesibilidade das instalacións e a distribución dos espazos interiores, coa instalación de sumidoiros que facilitarán o desaugue no proceso de limpeza.
“Nas próximas semanas montarase o graderío para que todas as persoas que o desexen poidan seguir o proceso de clasificación e procesado do berberecho de Noia, o que estou seguro que será un importante atractivo turístico”, indica o alcalde noiés, quen aproveitará a visita do presidente autonómico para agradecer o compromiso da Xunta cun sector do que dependen máis de 1.500 familias do municipio.