Son as conclusións dunha investigación levada a cabo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Agacal
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), constatou que as vacas alimentadas con leguminosas producen ata un 8% máis de leite e cun perfil graxo de maior calidade nutricional. Son as conclusións dunha investigación levada a cabo durante tres anos con financiamento do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (Inia) e o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) e cuxo contido se recolle nunha tese de doutoramento presentada recentemente na Escola Politécnica da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O obxectivo era analizar como a introdución das leguminosas no pastoreo ou ensilado inflúe na produtividade animal e no perfil graxo do leite. Así, realizáronse cinco experimentos onde se compararon as tres especies de leguminosas pratenses máis usadas nas granxas leiteiras galegas -os trevos violeta e branco e a alfalfa- co raigrás inglés, en dous casos de ensilado con vacas estabuladas e en tres de pastoreo, todos eles con niveis medios e baixos de pensos, respectivamente.
Como conclusións, a investigación arroxou que aumenta a produción e a calidade do leite cando na alimentación das vacas abundan as especies leguminosas. Así, a produción incrementouse entre un 6% e un 8% de media, tanto en pastoreo como con ensilados, en
comparación con pastos de gramíneas puras. Así mesmo, constatouse unha mellora da calidade do perfil graxo do leite producido con racións que integran leguminosas, así como un incremento na concentración de ácidos graxos poliinsaturados totais e de Omega-3 total, particularmente cando se aposta polo trevo violeta.
Nesa liña, o estudo tamén revela que procede refinar a tecnoloxía de ensilado das leguminosas pratenses, en concreto evitando presecados excesivamente longos que reducen o contido en ácidos graxos poliinsaturados.
A maiores, a investigación destaca o aforro en fertilizante nitroxenado de síntese que supón a introdución das leguminosas nos pastos. Ademais, conclúe que utilizando forraxes frescas e ensiladas de boa calidade é posible reducir considerablemente o consumo de pensos nas explotacións leiteiras e mellorar a súa sustentabilidade económica e ambiental.
Así, os resultados obtidos mostran que as granxas leiteiras galegas poderían reducir significativamente o consumo de pensos usando forraxes frescas e conservadas de alto valor nutricional. Deste xeito, a inclusión de especies leguminosas nos pastos non só incidiría no incremento da produtividade animal e nun mellor perfil graxo do leite senón que encaixaría cos requirimentos actuais dos consumidores en canto á calidade do leite producido cun reducido impacto ambiental.
Nese senso, cabe destacar finalmente que a introdución de leguminosas nos sistemas forraxeiros atende ás directrices da Comisión Europea que orientan a vindeira PAC. Tamén se aliña coa estratexia do European Green Deal (Acordo Verde Europeo), que persegue unha economía neutra en carbono e sistemas de provisión de alimentos máis xustos, máis saudables e máis orientados ao mantemento do medio ambiente.