Saturday 16 de November de 2024

O concello humanizará as rúas que conectan o parque de Santa Margarida co barrio da Agra


A alcaldesa visitou esta mañá xunto ao edil de Urbanismo a Rolda de Nelle que, tras a demolición do viaduto e as obras de humanización realizadas, dispón de beirarrúas máis amplas, carril bici, árbores e de novos espazos para a veciñanza

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que o concello encargou un estudo para humanizar as rúas da contorna do parque de Santa Margarita coa Rolda de Nelle co fin de unir o parque co barrio da Agra. A finalidade, explicou a rexedora, é darlle permeabilidade ao parque e introducir a zona verde na cidade mellorando a calidade urbana desas rúas. Deste xeito, dixo, o concello prosegue con actuacións encamiñadas a recuperar espazos urbanos de convivencia en todos os barrios da cidade nunha aposta clara pola súa humanización e por unha mobilidade sustentable onde a redución do tráfico rodado
será unha realidade.

Rey fixo este anuncio durante a apertura da reurbanizada Rolda de Nelle. Tras a demolición do viaduto, o concello iniciou as obras de humanización desta vía que dispón agora de carril bici, beirarrúas máis amplas, máis espazos para as peoas e os peóns, árbores e novo mobiliario urbano.“Unha rolda máis aberta, máis humana, con más espazos para as persoas e que mellora a calidade de vida do barrio que por fin tras 40 años pode ver unha rolda sen esa mole gris que lles quitába a luz”, sinalou a alcaldesa, que destacou que as obras se realizaron nun tempo récord e contaron cun orzamento de máis dun millón de euros.

A actuación, que comezou o 27 de xaneiro, sufriu un parón de varias semanas por mor do estado de alarma e unha ralentización propia da inactividade propiciada por ese momento. Aínda así, entregouse dentro do prazo máximo estipulado de 12 meses.
A rexedora fixo tamén un repaso a todas as obras que o Executivo puxo en marcha desde que chegou a María Pita entre as que destacou a rotonda de Salgado Torres, as das Conchiñas, as diversas peoanalizacións levadas a cabo durante a desescalada, as obras para mellorar a accesibilidade nas rúas Victoria Fernández España e Vía Ártabra, así como na praza Isaac Díaz Pardo.