Friday 22 de November de 2024

As maiores de SanaSadurniño falan abertamente do que nunca falaran


Ademais da proxección, as asistentes tamén gozarán dunha sesión de adestramento emocional a través da risa
Dentro da programación de actividades para esta fin de semana quedábanos pendente informar do encontro que van manter o sábado pola mañá as mulleres participantes nos obradoiros de memoria activa que quedaron freados en seco pola irrupción da pandemia, aló polo mes de marzo. Malia non haber sesións presenciais, o Concello seguiu mantendo contacto con todas elas -22 en total- e mesmo as fixo partícipes de iniciativas virtuais como os testemuños “Palabras Maiores” que se publicaron en Facebook durante o confinamento e, sobre todo, o pequeno documental “Memorias de muller” onde se xuntan imaxes do pasado coa narración en primeira persoa de vivencias, sentimentos e experiencias sobre as que, se cadra, as protagonistas nunca falaran, ou polo menos non abertamente como o fan no audiovisual. “Memorias de muller” proxectarase na Casa da Cultura nun evento ao que foron convidadas as súas protagonistas quen, ademais, tamén participarán nun taller de empoderamento feminino a través da risa e das emocións.

A cita está fixada para as 11.00h. no salón de actos do centro cultural e non estará aberta ao público, senón que se trata dunha actividade dirixida exclusivamente ás participantes dos obradoiros de memoria. 17 confirmaron xa a súa asistencia ao encontro, concibido en parte como unha clausura de temporada despois de ter que interrompela a mediados de marzo por mor do Estado de Alarma.

A primeira parte estará conducida por Baia Fernández, adestradora emocional que leva máis de dez anos axudándolles a outras persoas a descubriren as súas emocións e mostrándolles como xestionalas, como parte dun coñecemento que redunda tamén na mellora da saúde. Ela utiliza a risa como ferramenta de traballo posto que, igual que os choros, é unha das maneiras que ten o corpo de liberar tensións e de xerar un estado de ánimo presidido polo optimismo, ou polo menos máis predisposto a ser optimista. Por aí irá a sesión de Baia Fernández, quen lles proporá ás asistentes varios exercicios e xogos que, de paso, favorezan a súa conciencia de mulleres empoderadas.

Porén, un dos momentos principais da mañá será a estrea da peza “Memorias de muller”, construída a partir dos testemuños telefónicos da práctica totalidade das mulleres que acudiron aos obradoiros de memoria activa. Arrimándolles música e imaxes extraídas dos seus álbums de fotos, o audiovisual transfórmase nun potente documento sociolóxico que retrata distintas etapas da vida das mulleres no rural, recuperando recordos dun pasado non demasiado lonxano que, nalgúns aspectos, aínda non se superou de todo.

As protagonistas falan dun contexto histórico e social, o dos anos 50 e 60 principalmente, en que a escola era só cousa dos homes “para que estivesen preparados para ir ao Servizo (militar)”, mentres que as nenas e mozas quedaban relegadas a aprenderen no mellor dos casos “as 4 regras” e a supeditar sempre as clases e a gana de aprender aos traballos que houbese que facer na casa, coidando gando, leiras e irmáns e irmás máis pequenas.

O documental remata preguntándolles polos seus soños e case todas coinciden en sinalar o “poder estudar” como un desexo non cumprido, non por causa delas, senón por mor dunha sociedade patriarcal que se encargou de reprimir sequera ese pensamento, e tamén outros que agora abrollan sen complexos co cambio dos tempos.

Así, no medio da narración visual van sucedéndose reflexións sobre cuestións innomeables na época da súa infancia e mocidade: a primeira menstruación, acompañada do medo e a vergoña que moitas sentiron por non ter ninguén -ás veces nin sequera as nais ou irmás maiores- que lles explicase algo tan natural; o amor e as relacións de parella, sempre xirando ao redor do home coa connivencia da sociedade; o tabú da masturbación feminina e do aborto; o sinalamento das nais solteiras, case que repudiadas e sempre condenadas ao ostracismo social… Pero no documental tamén se fala de machismo e de violencia de xénero, describindo a situación xeral das mulleres como persoas anuladas polo propio sistema político -para case todos os trámites precisaban unha autorización do seu marido- que, en moitos casos, sufrían e soportaban o maltrato “de portas para dentro”. Entre as razóns que se citan no audiovisual cabe destacar o medo, a dependencia económica, unha educación baseada na superioridade masculina e, aínda que non se mencione directamente, a falla de información e de redes de apoio social e institucional ás que acudir para saír desa situación.

“Memorias de muller” é resultado das entrevistas gravadas pola monitora dos obradoiros, Nerea Loureiro Dopico, e da montaxe realizada por Damián Pérez Castiñeira, da asociación Meigallo. A parte de imaxe nútrese coas fotografías achegadas polas participantes nos talleres antes de que se suspendesen as sesións por causa da pandemia. O vídeo estará dispoñible na canle de youtube do Concello xusto despois da súa estrea na Casa da Cultura.

O documental e o labor creativo previo -no que se traballou tamén durante os obradoiros de memoria activa- está financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade a través da Secretaría de Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Dentro das propostas formuladas polo Congreso e o Senado para levar a cabo o pacto, o proxecto “Memorias de muller” encádrase no eixo 1 de “A ruptura do silencio: sensibilización e prevención”, onde se recolle a medida relativa á sensibilización contra a violencia de xénero en entornos rurais e tamén a que recomenda desenvolver campañas e actuacións que lle dean visibilidade ás mulleres maiores.