Friday 22 de November de 2024

Comeza o curso escolar en infantil e primaria en Compostela sen incidencias


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitaron esta mañá o colexio Pío XII, para comprobar in situ o inicio do curso escolar. O rexedor salientou a “tranquilidade” coa que comezaron tanto as clases coma os servizos de comedor e madrugadores xestionados polo Concello.

Sánchez Bugallo quixo amosar a súa “satisfacción e agradecemento” xa que todos os centros educativos abriron e “en todos estaban os servizos dispoñibles, desde o programa de madrugadores ata as clases e, agora, o comedor escolar”. No que respecta a este servizo, o alcalde desvelou que había unha previsión de asistencia de 215 nenos para hoxe, e que a todos eles se lles prestou o servizo.

Dobre turno nos comedores de todos os centros e resolución das bolsas
“Como lle comentamos ás ANPAS”, lembrou o rexedor, “garantimos que as persoas que tiveran problemas de recursos económicos e de conciliación ían ter praza. E todos teñen praza”. Sánchez Bugallo fixon fincapé, non obstante, en que “a oferta non é ilimitada porque hai un límite que é o espazo e empregamos aqueles que as direccións dos centros puxeron á nosa disposición”. Os comedores escolares nos que a demanda así o requira terán dobre turno: “temos todo previsto para facer dobre turno en cada un dos colexios, triple turno é prácticamente inxestionable, sempre que a demanda o requira”.

En canto ás bolsas, antonte dictouse unha resolución provisional na que se conceden 620 das 700 solicitadas. Este programa “é imposible resolvelo antes do inicio do curso porque os pais teñen ata o 30 setembro para xustificar determinados elementos como as actividades extraescolares, que non están definidas polas propias ANPAS”, sinalou o alcalde, que ademais recalcou que se notificou a cada unha das familias esta resolución por teléfono ou mail e pedíuselles confirmación de se ían facer uso do comedor. “O 70,5% confirmaron que si e un 20% que non”.

Decreto sobre o uso dos comedores
Así mesmo, o alcalde lembrou que, tal e como se recolle no decreto da Alcaldía sobre o funcionamento dos comedores que adapta a instrución da Xunta, o Concello vaise facer cargo de necesidades como “a ampliación de media hora nos madurgadores naqueles centros que abren ás 9.30 e non ás 9.00 h e un monitor máis neste servizo”.

Sánchez Bugallo quixo agradecer o “enorme traballo” realizado dende os departamentos municipais de Educación e de Políticas Sociais e lembrou tamén o esforzo realizado para poder ter colocados os elementos de separación necesarios: “había que clarificar cuestións interpretativas sobre as distancias nos comedores e sobre o uso de mamparas. O que é certo é que cun esforzo inmenso onte todos os comedores dos centros públicos tiñan as mamparas colocadas”.

Escola Municipal de Música
Tamén arrancou o curso na Escola Municipal de Música. Hoxe xoves, un dos días de menos actividade no centro, asistiron unhas 120 persoas, que se atoparon coas pertinentes medidas de seguridade como mamparas de separación e tensores na entrada. Para este curso, a Escola conta con 440 matriculados.

Reforzo da Policía local nos accesos e colaboración de Protección Civil
A Policía local reforzou o seu servizo nas inmediacións dos colexios da cidade para evitar aglomeracións, e contouse tamén coa colaboración dos voluntarios de Protección Civil, que estiveron presentes tanto na entrada como na saída dos colexios La Salle, Doña Enma, Compañía de María, Orfas, Pío XII, Raíña Fabiola, López Ferreiro e Cluny.